Crónica dunha viaxe / 04 Astorga – León
A cuarta etapa estaba prevista, e foi, unha etapa de transición. Ó chegar ó día anterior a Astorga e levar a bicicleta ó taller, xa descontaba o non arrincar a primeira hora, e mesmo aínda comezando a pedalear despois de comer, chegar a destino en León. A etapa era curta e chá, deseñada para o descanso despois das tres duras etapas iniciais.
Non fixo falta esperar a despois de comer, e tras de levantarme xa en hora de rutina, deume tempo a tomar algo e rematar o apunte do concello de Astorga. Iso si, non fun selar o diario ó concello, pois o horario de apertura ó público era tardío. E máis, para un concello da categoría de Astorga.
Ver afastarse a vila, subir ó páramo e atoparse cunha chaira extensa exerce un cambio de mentalidade sobre o ciclista, afeito ás subebaixa das terras galegas. Máis aínda se xa o Camiño de Santiago está consolidado á beira da estrada e invita a ir por el. Está claro que para as bicicletas, o piso do camiño é moi variable, e o fai ás veces desaconsellable. Pero vindo de longas etapas case sen deixar a estrada, a invitación síntese con máis forza, a pesar das alforxas que pesan sobre a roda de atrás e fan temer polo estado do medio de transporte no salto continuo dos camiños. Rematada de amañar, e aínda co aviso de ‘a ver se resiste ata Valencia’, sigo a invitación do Camiño en case toda a etapa, atopándome á contra á xente que quere chegar a Santiago, unha morea. A maioría a pé, pero tamén en bicicleta, mesmo en grupos abondo numerosos (iso si, eles por estrada). Saudar sempre é unha opción, pero xa ó pouco de saír de Astorga pregunteime de novo cando debera de deixar de facelo. O resultado na práctica foi ó abandonar o Camiño de Santiago chamado Francés, máis de douscentos quilómetros máis adiante, a partir de Burgos.
Os nomes dos pobos polos que fun pasando nesta etapa xa os tiña asociados ó camiño. Hospital de Órbigo, ás beiras do Órbigo, un afluente directo do Douro, lembroume o paso por alí mesmo, tamén en bicicleta pero en sentido contrario, antes da pandemia. Daquela estaban en festa con sabor medieval. Agora, o campo da festa, á beira do río e da longa ponte de pedra, onde se celebran os encontros medievais, estaba baleiro. O pobo tiña pouco movemento, pero ó pasar por diante, o concello estaba aberto e puxéronme un selo:
Selo do concello de Hospital de Órbigo. |
O apunte debuxado do lugar quedou sen facer: saín non moi tarde, pero si abondo máis do que o tería feito sen ter que recoller a bicicleta, e fíxenme a idea de chegar a León antes de comer. E así, a ponte de Hospital e os regadíos da zona quedaron atrás.
Outro lugar que lembraba da viaxe no outro sentido era a igrexa de Villadangos. E aí si parei, e, na beira da rúa, apoiado nunha parede, tomei o apunte correspondente.
Campanario da igrexa de Villadangos del Páramo. |
No concello de Villadangos puxéronme o selo do albergue. Pareceulles máis adecuado para alguén que ía en bicicleta e eu non especifiquei máis, nin tampouco que ía en sentido contrario.
Despois da suave etapa, con algunha pequena desviación, a chegada a León non supuxo ningún atranco e a tarde foi de compras (material deportivo nunha tenda a certa distancia de onde me atopaba) e paseo, todo a pé. Pareceume boa idea poñerme a reflectir a Casa Botines cun xeado na outra man, pero o apostarse a poucos metros un vendedor de cupóns con música machacona ó pouco de poñerme ó traballo e a miña lentitude, máis cun xeado a tomar, rematou por facer que quedara a medias. Queda para outra.
Casa Botines. León. |
Só 53 km, cun desnivel de pouco máis de 200 m, recorridos en pouco máis de dúas horas e media. O dito, unha etapa de relax.
Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península
Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo – O Cádavo
Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo – Ponferrada
Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada – Astorga
Crónica dunha viaxe / 04 Astorga – León
Crónica dunha viaxe / 05 León – Villarmentero
Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero – Burgos
Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos – Santo Domingo de Silos
Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos – Soria
Crónica dunha viaxe / 09 Soria – Calatayud
Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud – Calamocha
Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha – Teruel
Crónica dunha viaxe / 12 Teruel – Teruel
Crónica dunha viaxe / 13 Teruel – Barraques
Crónica dunha viaxe / 14 Barraques – La Vall d’Uixó
Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d’Uixó – Sagunto
Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto – Valencia
Crónica dunha viaxe / e 17, rematando