Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo – O Cádavo


Crónica dunha viaxe /01 Ribadeo – O Cádavo

     Unha viaxe pódese comezar a calquera hora, pero como máis se aproveita o día é saíndo cos primeiros raios de luz. E iso fixen, poñerme en marcha por Ove camiño de Porto e en Santiso de Abres, coller un pequeno tramo da ruta de ferrocarril, salvando a costa de Santiso polo túnel, o mesmo que os últimos quilómetros antes de A Pontenova, evitando o tráfico da estrada nacional. Unha ruta tranquila á beira da auga, primeiro da ría de Ribadeo, logo do Eo, nunha mañá fresca. Os tractores dos Irmandiños transportan millo preto de Ribadeo nunha expresión de vida que continúa, e, na vía verde, un esquío pasa por diante e pérdese de vista despois de subir por unha árbore. Antes, e despois, os paxaros déixanse oír cos seus trinos.

Saíndo de mañá a carón da ría.

    A Pontenova, afeito a outras viaxes, significa descanso, un café e algo de lectura ou debuxo na praza dos Fornos. Desta, foi o apunte da vella estación, hoxe oficina de turismo e extremo da ruta do ferrocarril, mentres escoito a un grupo de veciños falar do humano e do divino, queixa tras queixa na terraza: os tempos son convulsos. Apunto tamén: cousa de 1/30 da viaxe, feito!

Antiga estación de Vilaoudriz

    A chuvia caída no tramo, non moita nin pouca, pero que me ifxo tomar a precaución de protexerme, facía presaxiar unha viaxe pasada por auga, o que se confirmou nesta etapa no tramo entre Meira e O Cádavo.

    Terreo coñecido todo, e unha mellora temporal nas condicións meteorolóxicas, xunto coa determinación de levar algún tipo de diario de viaxe ó tempo que ir remarcando concas hidrográficas polas que pasaba, fixeron que me desviara da ruta máis curta. Dende o alto do Marco de Álvare, primeiro fito de altura no camiño marcado (575 m sobre nivel do mar), puxen cara ó Pedregal de Irimia, nacemento do Miño, cambiando a caída de augas ó Cantábrico pola do Atlántico. Por estradas marxinais que controlaba menos do que pensaba, e que me levaron ó primeiro despiste do camiño. Amañei con varios quilómetros e unha centea de metros de desnivel máis, e o Pedregal estivo fronte a min e mesmo tiven ocasión de dar explicacións a un par de familias valencianas que me preguntaron sobre o Pedregal, confusos con Fonmiñá.

    Baixar a Meira foi costa abaixo, e alí antes de comer tiven tempo de trazar unhas liñas da igrexa parroquial, antigo templo do mosteiro medieval. E tempo tamén para unha espera infrutuosa da apertura da oficina de turismo como estaba marcado. A cambio, un veciño dime que a igrexa ten pinturas do XV e do XVI.

Igrexa do antigo mosteiro cisterciense de Santa María, Meira

    Meira está animado este domingo (os días da semana inflúen na percepción do lugar, non só as horas ou a luz), os bares teñen poucos lugares libres. Cando o Sol desaparece detrás das nubes que pasan, quédome frío trazando as liñas co templo. Comida, e a seguir cara o Cádavo, non sen antes aproveitar o paso por Fonteo, xa despois do cambio de conca: do Eo ó Miño no Marco, e de novo ó Eo en Milleirós (alto de Sabugueiro, 637 msn), para chegar pouco despois á fonte. Alí, un pequeno descanso, outro apunte e continuación ata O Cádavo, fin de etapa e outra divisoria de augas (722 msnm no concello).

    De Meira ó Cádavo, chuvia boa parte do recorrido, aínda que tampouco moita. Recorrido que se fixo curto por esas terras altas de Galicia, cabeceira de ríos e lugar de paseo tranquilo mesmo pola estrada con poucos coches.

O nacemento do Eo. O sello do concello, á mañá do día seguinte.

    O pequeno descanso de Fonteo, relax dun lugar que como os nacementos, é máxico: a auga aparece e déixase ir cara o Cantábrico sen saber cal vai ser o seu fin, despois de pasar peripecias diversas entre canóns ou mantida queda por encoros. 

    E, despois duns 84 km e 1200 m de desnivel acumulado, 5 horas sobre a bici, O Cádavo. Un lugar pequeno para descansar, turístico para desfrutar da natureza, e sobre todo, con pequenas cousas que ó mellor non se descobren ó primeiro nin ó segundo paseo…

    Primeira etapa, lista. E pode que pola motivación, ou a contención polo que falta aínda, resultou máis suave que outras veces.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo – O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo – Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada – Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga – León

    Crónica dunha viaxe / 05 León – Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero – Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos – Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos – Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria – Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud – Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha – Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel – Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel – Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques – La Vall d’Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d’Uixó – Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto – Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *