Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

É 25 de xullo? Ah!


É 25 de xullo? Ah!

    Que hoxe é 25 de xullo? Vale. E que, é festivo, non? Pois iso!

    En certa zona de Galicia é abondo común ‘aproveitar’ o 25 de xullo para ir mercar a Asturias. Si, eu tamén o teño feito algún ano. E coido que pode dar moito xogo iso de que unha comunidade teña actividade comercial mentres a veciña non. Moito xogo comercial e tamén persoal. Aí está o mercado dos domingos en Ribadeo, atraínte para unha ampla zona, tamén en parte ó leste da ría de Ribadeo.

    Pero é 25 de xullo. O día festivo en Galicia no que se celebra San Xacobe (a pesar que segundo o santoral corresponde este a 23 de xuño), San Tiago, Sant Iago, Santiago… o día que se celebra como día de Galicia, como día Nacional de Galiza ou como día da Patria Galega. Cada celebración, coincidindo no tempo cas outras, indica algo diferente. Mesmo se poden celebrar dúas festas nunha; poñamos, Santiago e o día da Patria Galega.

    Coido que está claro que o aglutinador de comezo é un santo, normalmente coñecido por Santiago, e que, a falta de que Prisciliano fale, tería vido ao finis terrae nunha barca de pedra ou semellante. Ese santo pode ter recibido diferente denominacións, pero é aceptado que é ‘igual a si mesmo’ sexa cal sexa a que usemos.

    Outra cousa diferente é celebrar o día de Galicia ou o día da Patria (enténdese que galega), entre outras denominacións que se lle dan ó 25 de xullo e que se poden consultar na Galipedia, se non se está posto no tema. A enciclopedia en liña descríbeo como a ‘festa oficial do país galego’ citando ó primeiro DOG, que o 1 de xaneiro de 1979 levaba como contido o “DECRETO POLO QUE SE DECLARA DIA NACIONAL DE GALICIA O DIA 25 DE XULLO DE CADA ANO.” Decreto, por certo, que non está dispoñible de xeito directo nas páxinas do DOG en liña e leva ao menos cinco anos así, segundo o recollido da historia de internet por por Internet Archive, e a pesares de que o que fai o decreto é tentar recoller de xeito oficial a idea de algo que xa se estaba a celebrar tempo atrás. Un decreto sinxelo cun único enunciado de declaración que coincide co título do artigo. E decreto tamén contestado / incumprido de xeito interno (‘e discreto’) pola Xunta de Galicia, que ten unha páxina, http://www.25dexullo.gal/gl/ na que se le ‘25 DE XULLO DÍA DE GALICIA’. Unha web que parece ter sido creada hai dez anos e abandoada, pero non eliminada, dende hai oito.

    Ou sexa, de día ‘Nacional de Galicia’, que implica unha estrutura determinada baseada nunha “Comunidade humana, instalada nun territorio definido, que pode estar ou non politicamente organizada como estado, e que se caracteriza por ter unhas tradicións históricas e culturais comúns, os mesmos intereses económicos e unha unidade lingüística ou relixiosa”, segundo a RAG e a oficialidade actual, pódese pasar á noción de día ‘de Galicia’, como adicado a unha entidade chamada Galicia, cunha idea superada xa pola cantiga ‘Un canto a Galicia’ de alguén tan pouco sospeitoso como Julio Iglesias, hai xa cincuenta anos. E o de ‘Patria Galega’? Pois, de novo segundo a RAG, sería o día adicado á ‘nación á que se pertence ou á que se ten o sentimento de pertencer.’

    Poderíamos seguir. Pero coido que o diferente sentido de facer festa por unha cousa ou outra non é unha diferenza de pouca importancia, se celebre como se celebre.

    Que pasedes un bo día Nacional de Galicia!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *