Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Unha vía verde


Unha vía verde

    Un proxecto como o ferrocarril mineiro Ribadeo – Vilaoudriz significou, coa súa construción primeiro, pero sobre todo coa súa posta en marcha, un revulsivo para toda a comarca. Vía de case 35 km, desenvolta en só tres anos, a comezos do século XX nunha zona daquela con pésimas comunicacións, foi eixo de transportes e desenvolvemento. A súa luz chega ata hoxe tras unir o baixo Eo con Ribadeo, e de alí co mundo enteiro saíndo da ría de Ribadeo.

    Agora (‘agora’ neste caso é o mesmo que dicir dende hai ben máis dunha década) pretende recuperarse o seu trazado para o lecer, como ‘vía verde‘, acadando outro tipo de dinamización comarcal e social. Non creando da nada, senón aproveitando unha estrutura dos nosos bisavós. Quizais máis modesta, pero non desprezable.

    Claro que o ‘agora’ é moi discontinuo. De feito, remátase de volver usar un proxecto de 2010 como base para a nova arremetida de peticións dende a comarca ó ministerio en Madrid. No medio, pode que o máis salientable sexa o impulso que decidiu dar un grupo de xente, encadrada nun taller de emprego, a modo de práctica de participación e construción dunha empresa. Corría o outono de 2016 cando se puxo en marcha unha exposición en Ribadeo, repetida despois en Abres, ou se organizou un recorrido do tramo de algo máis de 12 km recuperado no cambio de século entre Santiso de Abres e A Pontenova. Un impulso puntual ó que se sumaron daquela os concellos, que sen abandoar a idea non remataban de darlle adiante.

    Dá gusto recorrer o tramo recuperado. Un paseo á beira do Eo no que van incluídos seis túneles e unha ponte. Camiño que despois do abandono do tráfico ferroviario viña exercendo de vía principal ou auxiliar a lugares dispersos, incluída unha central hidroeléctrica que se debe pechar por orde xudicial.

    A historia da liña Ribadeo – Vilaoudriz é accesible en moitos lugares, de libros e documentos en bibliotecas á Galipedia, pasando por diversas notas de prensa. E o novo camiño, a Ruta da antiga vía do ferrocarril Vilaoudriz – Ribadeo ten xa tamén a súa historia, de anos que leva en xestación. Abondos máis dos que levou a construción da vía orixinal. Pero iso é o pasado. E o futuro? Visto o presente e o seu transcurso, costa traballo ver o final da recuperación da vía como vía verde a pesar da beleza do tramo xa en uso -sen estar exenta de deficiencias- ou do recorrido de tramos practicables hoxe por hoxe, aínda sen a recuperación.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *