Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

O RUEIRO DE RIBADEO VISTO DESDE A FILOLOXÍA. Carlos Álvarez Lebredo


    O escrito a continuación foi publicado na Comarca del Eo de 9 de abril de 2022. Visto o artigo, e que eu mesmo teño cometido algún dos erros nel comentados, soliciteille ó autor publicalo no blog, o que fago despois de que mo enviara. Engádolle varias ligazóns a outros lugares do blog, onde aparecen nomes de autores citados (o mesmo Carlos Álvarez Lebredo, Eduardo Gutiérrez e Arturo Mogo), a un artigo de Eduardo Gutiérrez nomeado, e ós artigos sobre placas.

O RUEIRO DE RIBADEO
VISTO DESDE A FILOLOXÍA

Carlos Álvarez Lebredo

    Unha das decisións
municipais que contribuíron ao maior engado do casco antigo de
Ribadeo foi a tomada a finais de 2014, e publicitada a partir do mes
de decembro, para renovar as placas que informan do rueiro ribadense
(prazas, rúas, etc.). As novas placas que se foron colocando en
substitución das antigas inclúen alusións a denominacións
anteriores ou explicacións dos personaxes epónimos que lles dan
nome a eses lugares, se é o caso. A decisión inicial afectou a
unhas 50 rúas e ‘La Comarca del Eo’ informou aos ribadenses: o
día 27 de decembro o daquela concelleiro Eduardo Gutiérrez asinou
unha nota explicativa titulada “Sobre placas e nomes”.
Posteriormente, nos anos seguintes, ampliouse o número de placas
afectadas e mesmo se incluíron outras que informan de edificios
ribadenses históricos ou singulares, moitas veces acompañadas de
artísticos debuxos ou de perfís urbanos, obra do arquitecto Carlos
Longarela. A realización material das placas é de Cerámicas de
Sargadelos, que emprega os seus característicos azulexos esmaltados,
coas cores branca (de fondo) e azul cobalto no rótulo, na orla e no
debuxo insertado.

    Cando comezaron a facerse
visibles os novos rótulos tamén comezaron a circular comentarios
sobre eles. Comprobouse que a remuda de placas incluía unha
galeguización das mesmas, decisión coa que concordo; así, Calle
pasou a ser Rúa, Plazuela a Praciña, Rinconada a Recanto, etc. En
xeral ninguén discutiu a oportunidade, a información concisa ou a
estética das novas placas. Pero si xerou máis controversia o
contido dalgunhas en concreto. En ‘La Comarca del Eo’ do 24 de
xaneiro de 2015, Arturo Mogo fai públicas algunhas discrepancias,
que son respondidas no mesmo número por Eduardo Gutiérrez baixo o
título “Precisións denominativas”. Un texto crítico máis
elaborado e argumentado publicouse en ‘La Comarca’ o día 1 de
agosto baixo o título “Placas de rúas”. Nel o asinante P. R.
(?) cuestiona que para a rúa Pasarón y Lastra se utilizase algunha
vez o nome “Rúa da Confitaría” (tal e como consta na nova
placa). E engade: “O peor de todo son os disparates Pai (sic)
Sarmiento e Pai (sic) Feixóo”, pois rotular así supón “un
descoñecemento pavoroso da lingua galega. (…) Mesmo a xente de
fóra de Galicia decátase do erro”, conclúe.

    Este artigo foi respondido á
semana seguinte, 8 de agosto, por outro asinado por Eduardo Gutiérrez
e titulado “A voltas coas placas”, no que explica que “houbo un
erro de transmisión, ou de comunicación, aínda que o elexido era
sinxelamente un P maiúsculo cun ponto”, ou sexa P. Feixoo e P.
Sarmiento. (…) Fagamos constar que o erro, que se corrixirá, é
menor (…) tendo en conta que o étimo latino é o mesmo”. E sobre
a palabra “confitaría” (criticada por P. R.) di que o sufixo
—aría é tradicional en Galicia e desde 2003 é normativo.
Finalmente fai outras consideracións de tipo persoal sobre o
asinante P. R., que aquí non veñen ao caso.

    Para rematar esta información
sobre a mera colocación das placas, resta engadir que en marzo de
2019 o concello informou da colocación de 30 máis en rúas e
prazas, xa en zonas de ensanche da vila, con textos, nalgúns casos,
do Cronista Oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez. (Como tal fora
nomeado en 2016).

    Hei de recoñecer que a
primeira vez que pousei a vista nalgunhas das placas citadas
experimentei algún xeito de desánimo ao ver que, ao lado do
indubidable acerto estético e funcional, nalgún dos textos había
algún desatino que para un filólogo resulta demasiado rechamante.
Especialmente os citados “Pai Feijóo” e “Pai Sarmiento”,
pero non só. “A Filoloxía leva ao crime!”, di un personaxe da
comedia ‘La leçon’, de Ionesco. E a pesar disto, non me resisto
a pasar pola peneira da Filoloxía unha revisión destas artísticas
placas do rueiro de Ribadeo.

    Efectivamente, como xa
apuntaba o citado P. R., nin Frei Benito Feixoo nin Frei Martín
Sarmiento poden ser “pais” pois en galego para ser “pai” hai
que ter fillo(s) e ningún dos dous frades tivo descendencia (que se
saiba). O oficio no que se desempeñaron ambos relixiosos beneditinos
fai de cada un deles ser “padre”, palabra que se estende tamén a
sacerdotes e presbíteros. E non é un “erro menor” a confusión
nas respectivas placas, que Gutiérrez xustifica en que o étimo de
“pai” e o de “padre” é o mesmo. Claro que o é (ambas
palabras derivan do latín PATRE). Pero se a lingua desenvolveu dúas
palabras distintas a partir da mesma, por algo foi: por necesidade.
Por iso nós agora non as podemos confundir. Afirmar que é un “erro
menor” intercambiar dúas palabras porque “o seu étimo latino é
o mesmo” significa que podemos confundir ópera con obra, radio con
raio, colgar con colocar, reixa con regra, praza con platea, eira con
área, etc. En definitiva, se unha lingua necesitou desenvolver dúas
palabras a partir dun mesmo étimo é porque, ao cabo do tempo,
necesitou as dúas para diferenciar e especificar os respectivos
significados modernos: son os denominados dobretes léxicos. (Por
certo, cando os dicionarios da lingua galega teñen que explicar o
significado galego e o uso da palabra “padre”, poñen sempre
estes dous exemplos: Padre Feixoo e Padre Sarmiento). Por outra parte
o apelido Feixoo, ou Feijoo, non ten que levar ningún acento
gráfico.

    En canto ao afirmado en 2015
no sentido de que “se corrixirá o erro de transmisión ou de
comunicación”, pois xa vai sendo hora: este tipo de erros
manifestos e á vista de todo o mundo (nunca mellor dito) non deixan
en bo lugar nin ao concello de Ribadeo (que foi quen encargou e
financiou as placas e quen as exhibe) nin ao prestixio da empresa
Sargadelos (se, como se publicou, é certa esa explicación de que
foi deles é a decisión de poñer Pai onde lles encargaran P.).

    Respecto á outra cuestión
que xa planteaba a nota asinada por P. R., a do antigo nome da rúa
Pasarón y Lastra, é certo que na nova placa consta: “Antigamente
Rúa da Confitaría”. Antes do cambio denominábase Calle de la
Confitería, así, en castelán, e talvez sexa iso o que critica P.
R. Non é este o problema. Desde a Filoloxía o problema está en que
“confitaría” non é palabra galega (nin de ningunha outra
lingua). Digamos que hai un intento de galeguizar a palabra do
castelán “confitería”, pero non está ben resolto. E non polo
sufixo —aría, que efectivamente é correcto en galego, senón pola
raíz da palabra. Aquí está a cuestión: a palabra galega correcta
(e coincidente co portugués) é confeitaría (ou confeitería, que
tamén é correcta), coa raíz confeit— (de confeitos), pois neses
obradoiros, nas confeiterías, é onde se elaboran e se venden os
confeitos e confeituras, ou sexa os doces ou pasteis.

Outras placas discutibles

    Dentro desta sinalética
ribadense que estamos revisando hai outras cuestións de rango menor
que se poden comentar.

    A palabra “calexón”
empregouse para as placas de Calexón do Bispo Cebeira ou Calexón
dos Perigos. Non é palabra galega “calexón” aínda que é certo
que está viva na fala oral. É unha solución popular para
galeguizar o castelán “callejón” (en castelán, despectivo de
calle y de calleja, para Corominas, e que a RAE define como “paso
estrecho y largo entre paredes, casas o elevaciones del terreno). Non
hai en galego ningún descendente do latín CALLIS (sendeiro,
especialmente de gando), como si os hai en castelán (calle) ou en
éuscaro (kalea). A maioría das linguas románicas optaron por
outros descendentes de palabras latinas para denominar as vías
urbanas: carrer en catalán, rue en francés, via en italiano. En
galego e en portugués temos a palabra rúa. E para cando unha rúa é
estreita ou pequena está a palabra ruela (diminutivo de rúa), que é
a habitual en Portugal e agora mesmo estendida por toda Galicia. Se
fose menos que ruela, porque vai profunda ou irregular, entón están
as palabras carreiro e congostra (viva no nomenclátor de Rinlo, por
exemplo). En definitiva, nin a Academia Galega nin os dicionarios
acollen como palabra galega “calexón” ou “calexa”, aínda
que en tempos pasados chegou mesmo a entrar no galego escrito ou
literario (C. Fernández de la Vega, Xavier Carro, García-Bodaño).
Só os dicionarios precientíficos, os que se limitaban a recoller
todo tipo de formas orais sen ningún criterio filolóxico (Carré,
Eladio Rodríguez, Franco Grande) acolleron e definiron “calexa”
ou “calexón”. Hoxe en día as únicas solucións correctas son a
xa comentada ruela e tamén carreiro e calella (como o veciño
asturleonés caleya: paso ou camiño para carros entre casas de
aldea).

    Chama tamén a atención a
denominación oficial “Rúa Meniñas da Saudade” referido ao
primeiro grupo feminino de gaiteiras de Galicia. Nunca foron
coñecidas baixo ese nome de “meniñas”, nin en Ribadeo nin fóra
da vila. Algunhas delas xa non eran tan meniñas nin cando comezaron
os ensaios pois a maioría podían cualificarse polo menos de mozas.
Na prensa da súa época máis activa (anos 1961-1965) ou nas súas
esporádicas reaparicións (anos 80 e 90) recóllese en castelán a
denominacións colectiva de “chicas gaiteras”. E en galego:
Gaiteiras, Gaiteiriñas, Grupo Saudade, Grupo de gaiteiras de Ribadeo
e Mozas de Saudade. Esta última denominción (ou a máis directa
Gaiteiras de Saudade) sería a máis axeitada para non deixar orfa na
placa a palabra Saudade como nome da rúa por se se confunde co
substantivo común. Meniñas ten un significado moi apegado á idade
infantil, impropio para as idades daquelas gaiteiras, que cando
actuaban xa estaban na idade de seren máis ben mozas. (Dicionarios:
“Meniño-ña: neno moi noviño, despois de nacer e cando ten moi
pouca idade”). Pero é que ademais a Filoloxía (de novo) ten algo
que engadir: “meniñas” non é palabra propia da comarca
ribadense, onde o diminutivo e o apreciativo de nenas é neniñas.

    Tamén existe unha placa co
rótulo de “Praza dos Catro Canos”. Neste caso hai un procedor
claramente incorrecto que é o de normativizar un topónimo propio da
fala ribadense (en realidade de todo o galego oriental), que é a
palabra cuatro. Contra o que poida pensar quen non está ao tanto
destas cuestións, cuatro non é un castelanismo no galego da nosa
comarca (como non o son o verbo guardar, o adverbio cuando ou o
substantivo guadaña, por exemplo). Son as solucións naturais para
as palabras que comezaban en latín por QUA— neste galego oriental
e noutras zonas ourensás e miñotas (F. Fernández Rei,
‘Dialectoloxía da lingua galega’, pp. 51 ss.) Pódense
normativizar a nivel culto as palabras do léxico común pero facelo
cos topónimos supón un disparate cultural e filolóxico pois eles
son fieis reflexos da realidade histórica e lingüística de cada
territorio. (Aínda que non ten placa nas rúas, pois non é nome
oficial, este comentario serve tamén para aplicar á impropia
denominación Catro Rúas que se emprega na publicidade municipal e
comercial para a tradicional Cuatro Calles. Non entro a discutir o de
Rúas, pero a primeira parte do topónimo só pode ser o territorial,
dialectal e galego Cuatro).

    Unha das placas máis
modernas no rueiro ribadense é á da rúa dedicada á escritora Luz
Pozo, nome acordado en 2001: “Rúa Luz Pozo Garza. Poetisa e
académica ribadense”. Neste caso a palabra, correcta sen dúbida
pero matizable desde un certo punto de vista, é poetisa. Como é
sabido, esta flexión feminina do substantivo masculino poeta
aplicouse historicamente ás mulleres que publican poesía. Pero
desde hai anos, e atendendo sobre todo á demanda das propias
escritoras, emprégase a palabra poeta para ambos sexos. Elas
atópanse máis cómodas con esta denominación. Hoxe a palabra
poetisa aínda non se percibe como arcaísmo pero xa é estraña e
soa extemporánea en calquera texto moderno que a conteña. Mesmo os
dicionarios galegos, aínda que a admiten, aclaran que tamén se usa
poeta para o feminino. No caso concreto de Luz Pozo, en todas as
necrolóxicas aparecidas tras o seu falecemento en 2020 é citada
como poeta. A RAG refírese a ela ou a Xela Arias, por exemplo, como
poeta. Na actualidade a palabra poetisa practicamente só se usa no
español de América.

    En fin, obviamente non é
unha cuestión perentoria, nin tan sequera urxente, acometer unha
rectificación dos textos das fermosas e artísticas placas do rueiro
ribadense aquí comentadas. Pero tampouco se debe perder de vista que
nalgún momento, para nós mesmos e para as persoas que nos visitan,
debemos de ser xustos e respectuosos coa nosa lingua e mais coa nosa
historia.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *