Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Eoalimenta!


    Esta semana pasou medio inadvertida unha xuntanza que pode ter un impacto forte no futuro da zona. Os partícipes de Eo Alimenta  reuníronse en Ribadeo o pasado día 30, e, a pesar da nota de difusión do concello, coido que a información quedou coxa. Por iso recollo, a máis da nota do concello que deixo a continuación, un tríptico e fago diversas ligazóns dende o texto da nota a outras web ou a outras entradas de Ribadeando para completar a visión.

Foto Eo Alimenta

INICIATIVA PIONEIRA A NIVEL ESTATAL


Eo Alimenta


31/03/2022

O proxecto Eo Alimenta avanza cara un modelo de
produción, distribución e consumo capaz de alimentar á súa poboación.
Onte, mércores, tivo lugar unha xuntanza no salón de plenos do Concello
de Ribadeo

O proxecto Eo Alimenta celebrou onte en Ribadeo un momento
importante coa presentación do borrador da estratexia alimentaria diante
dos socios do proxecto: concellos do territorio, USC, GDR Terras de
Miranda, CEDER Oscos-Eo, Fundación Edes e Sindicato Labrego Galego.

Este
mércores, día 30 de marzo, ás 17.00 horas, no Salón de Plenos do
Concello de Ribadeo, tivo lugar a reunión do Comité de Seguemento do
proxecto Eo Alimenta, un proxecto participativo financiado pola
Fundación Carasso, no que traballan dende hai dez meses e de forma
colectiva diversos axentes vinculados ao sector da alimentación
(administración, persoas consumidoras, organizacións agrarias, proxectos
de produción agroecolóxica, universidades, grupos de desenvolvemento
rural, etc.).

O obxectivo deste proxecto é elaborar unha
estratexia alimentaria para o territorio do río Eo que aborde o reto de
conseguir autoabastecer de alimentos a todo o territorio a partir dos
produtos ofrecidos polo propio territorio e a través de diferentes
medidas que redunden no fortalecemento e a articulación da produción
agroecolóxica a pequena escala, no impulso do consumo de proximidade, no
apoio ao comercio local ou no compromiso por parte das administración
públicas de levar a cabo procesos de compra pública responsable.

En
dita reunión, onde foron presentadas as 11 medidas e 33 accións que
conforman o borrador da Estratexia Alimentaria Participativa da
biorexión do río Eo, participaron representantes dos concellos de
Ribadeo, Barreiros, San Tirso de Abres, A Veiga, A
Pontenova,representantes da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial
de Lugo, representantes da asociación Inter Eo e representantes do resto
de socios do proxecto: Sindicato Labrego Galego, Fundación EDES,
Universidade de Santiago de Compostela, do GDR Terras de Miranda e do
CEDER Oscos-Eo.

Tras a boa acollida de dito documento na reunión
de onte, os socios do proxecto farán as súas últimas aportacións ao
documento, para posteriormente levala aos plenos municipais dos nove
concellos participantes -cinco da parte asturiana e catro da parte
galega- no proxecto. A partir de aí, comezará o traballo de implementar
as medidas contempladas na mesma, que contan cun horizonte temporal de
aquí a 2026.

Eo Alimenta representa un proxecto pioneiro a nivel
estatal, por ser o único das súas características que reúne a traballar a
persoas axentes de dúas comunidades autónomas e comeza a súa fase de
implementación nun contexto, atravesado polas crises de subministro e
abastecemento xeradas pola invasión de Ucraína, a suba dos prezos dos
combustibles os paros do leite, que poñen de manifesto a necesidades de
avanzar cara modelos de produción, distribución e consumo de proximidade
que poidan resistir as embestidas da economía globalizada.

 

 

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *