Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A illa Pancha, onte e hoxe


    Tres fotos. Ó tempo, un instante e unha historia. A illa Pancha, á entrada da ría de Ribadeo, cos seus faro vello no caserón do século XIX e faro novo na torre feita no século XX, e a última versión da ponte que a une ó continente, coa porta que cambiou o seu frontispicio para pasar materiais e facer apartamentos e cafetería e allear a propiedade común.

    A primeira foto de Suso amosa precisamente iso, a illa, vista dende o montículo veciño e o templete que fai de consolación a quen ve impedido o seu dereito de paso á illa. De calquera xeito, unha imaxe que pode considerarse abrangue un período amplo de tempo.

    A segunda foto é de antonte, xa abondo máis precisa no tempo polos detalles evidentes, coa porta pechada en contra do que debera ser e está estipulado para o funcionamento das instalacións na concesión. As rexas, omnipresentes, facendo da illa o interior dunha gaiola, e o marco servindo de poste de propaganda despois da modificación do frontispicio.

   Na terceira,aparece un detalle da parte dereita da imaxe anterior. Trátase dun papel suxeito con cinta sobre o cartel que indica que está prohibido o acceso ‘a toda persoa non autorizada’. O cartel é claro. Transcribo de xeito literal, sen correccións: 

/Pero como tenéis tanta cara GETAS que os adueñais de todo

Poner lo que querais, pero dejar el paso abierto. Todos queremos disfrutar de las vistas

Solo nos quereis para pagar impuestos y que tragemos con todo/

 

    Pódese estar ou non de acordo coa forma e o escrito, pero o fondo… co fondo é difícil non estar de acordo se non se fan primar intereses particulares.

 

    Un grupo -hoxe asociación-, Por Nuestro Faro, leva loitando dunha illa de todos e para todos xa sete anos, e poñendo de manifesto incumprimentos diversos que non parecen diminuír, senón aumentar no tempo, co beneplácito ou a vista gorda de institucións e chiringuitos varios. Unha historia que un día haberá que contar, cando os intereses e o querer da comunidade fagan retornar a illa ó que estivo moito tempo sendo: unha illa de todos e para todos, un símbolo no que nos vemos acubillados e do que temos que coidar, porque é noso.

    E é que o papel da foto amosa o que foi e o que é a illa. E nós.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *