Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Concentración pola paz o xoves 24 de marzo diante do concello de Ribadeo


    O pasado día 17 de marzo celebrouse a terceira concentración de veciños e
veciñas de Ribadeo para manifestarse
pola paz mundial, contra a invasión da Ucraína polos
exercitos rusos e contra as guerras en xeral. A este
acto asistiron unhas cento trinta
persoas. 

    O día 18, venres celebrouse unha xuntanza na Casa do Mar de
Ribadeo á que asistiron 13 persoas, que estiveron de acordo en manter
unha plataforma como grupo de traballo para seguir organizando estas
concentracións todos os xoves, ás oito da tarde,
mentres se manteña a guerra e haxa un grupo de persoas que o desexen.

    Os obxectivos, obviamente serán os mesmos anunciados anteriormente. Tal
como se comentou nas concentracións pasadas, o grupo fixo xestións para
organizar charlas coloquio sobre estes temas e a gravísima
situación mundial derivada de esta e outras guerras e das tensións
entre as grandes potencias.

    A  primeira charla terá lugar o día 30 de
Marzo ás oito da tarde no Salón de Actos da Casa do Mar de Ribadeo, impartida por Lourenzo Fernandez Prieto (Tito), cadeirádego
de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela,
recentemente elexido membro da Real Academia Galega

    Lémbrase que a
próxima concentración terá lugar o xoves, 24 de marzo, ás oito do serán fronte ó concello de Ribadeo.

    Como na concentración pasada, manteranse papeis en branco como petición de paz.

     


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *