O pasado día 2 de outubro unha nota da alcaldía dabe a nova da convocatoria dun pleno para martes 5. Non aparecía a orde do día, nin nas novas nin na sede electrónica, o outro lugar onde pode aparecer (na última tempada, con máis probabilidade). O que si, case seguro que por algures no taboeiro e anuncios do concello, entre os papeis detrás ou diante do vidro da vitrina, estará unha copia da convocatoria. A falta de consultala e de asistir ó pleno, deixo as notas de prensa (despois) e algún comentario (antes).
O primeiro, foi un pleno ordinario. Creo lembrar que hai tempo se estableceu que habería un cada dous meses. Tería tocado en setembro, pero estimo que está dentro do prazo imestral aínda que non sexa o acostumado o facelo a comezos de outubro. Na nota a posteriori, vemos que tamén houbo un pleno extraordinario a petición do PP.
Vaise pedir o ‘Plan Rexurbe‘. É dicir, subvencións da Xunta. Se se mira na ligazón que puxen verase que é unha ampliación do programa que xa hai nalgunhas vilas. Descoñezo se a petición vai xa acompañada de actuacións concretas (como as anunciadas de Cabanela ou na Virxe do Camiño) ou non. Relacionado, tamén se tratou da ampliación (en tempo de disposición) do ARI para poder dispoñer dos cartos non gastados aínda. Administración con administración.
Aínda que pareza fóra de tempo a petición do mantemento da ESA (ESO de adultos) no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo (cousa que non aparece na súa web, a pesar do cartelón da entrada ó patio do IES), non o é. A Xunta dixo de suprimila, ó final non se suprime pero queda tocada, e trátase de que non perigue a súa continuidade no tempo futuro, o que, pese ó mantemento desas ensinanzas en Ribadeo polo momento, sería o paso seguinte de continuar as condicións actuais. Administración contra administración.
E tamén, da votación dunha moción, coordinada cos outros concellos mariñáns, en pro do mantemento de Vestas en Viveiro. Administración con empregados do sector privado.
No pleno ordinario, unanimidade nas votacións. De calquera xeito, a segunda nota está redactada de xeito que podamos seguir escoitando dalgún tema varias veces aínda, a máis da nota de convocatoria e a nota de resume que deixo abaixo.
Na nota de prensa de onte, a segunda, en relación a Vestas (mala entrada que na súa web xeral non teñan cabida nin o castelán nin o galego, e si outras linguas como o polaco), pídesea actuación, dentro do sistema, doutras administracións, pero queda fóra do alcance a petición de cambio de sistema. Máis aínda, deste xeito, está a usarse e fortalecer o mesmo sistema xeral que se trataría de atacar por nefasto. É comprensible, pero igualmente é previsible a resposta se non hai cartos de todos polo medio. ‘O de sempre’, vaia.
Unha moción rexeitada do PP en contra da lei estatal que entre outras cousas apoia o equilibrio ecolóxico do lobo foi rexeitada (o comentario sobre ela na nota de prensa coido que pode obviarse) e unha do BNG para a supresión e non implantación de novas peaxes en vías de comunicación foi aprobada.
Do pleno extraordinario, pouco que dicir, como se desprende da propaganda na nota de prensa. Apostaría que houbo moitas palabras e poucos datos válidos e estruturados, máis aló de apoiar a unha ou outra postura sobre as subvencións da Xunta, por quen foron ‘conseguidas’, agravios comparativos reais ou ficticios, etc.
TAMÉN SE VERÁ UNHA PROPOSTA RELACIONADA COS ARIS
Pleno, o martes
02/10/2021
A solicitude de incorporación do conxunto
histórico de Ribadeo ao Plan Rexurbe, a esixencia á Consellería de
Educación para que manteña os módulos que viña ofertando de ensinanzas
de Educación Secundaria para adultos no IES Dionisio Gamallo ou o apoio
do Concello de Ribadeo ao cadro de persoal de Vestas son algúns dos
asuntos do pleno ordinario convocado para o vindeiro martes, 5 de
outubro, ás 20 horas, segundo informou o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor explicou que “convocamos un pleno ordinario para a semana
que vén onde trataremos temas interesantes, coma sempre. Solicitaremos
formalmente á Xunta a incorporación do conxunto histórico de Ribadeo no
chamado Plan Rexurbe. Esta figura xurídica parécenos moi interesante
para o noso casco vello agora que vimos de aprobar o Plan Especial de
Protección hai poucos meses. Con este Plan Rexurbe contamos que poida
haber máis e mellores axudas á rehabilitación de edificios. Ademais,
plantéxanse ámbitos de acción conxunta entre a Xunta e o Concello para
impulsar a reforma e rehabilitación de espazos que levan moito tempo
degradados, como o barrio de Cabanela, ou tamén actuacións en zonas
verdes da Virxe do Camiño e a capela anexa, na estrada do faro ou mesmo
actuacións en edificios públicos coma o xulgado de paz vello, o Cine
Teatro ou o forte de San Damián”.
Fernando Suárez seguiu a
relatar que “igualmente levaremos unha proposta de nova convocatoria de
axudas dos vixentes convenios das Areas de Rehabilitación dos núcleos
tradicionais de Ribadeo e Rinlo, xa que a día de hoxe aínda non están
comprometidos todos os fondos públicos dispoñibles, polo que é unha
mágoa que se poidan perder. De aí que queiramos abrir unha nova
convocatoria coa condición de que as obras deben estar totalmente
rematadas en abril de 2023”.
O alcalde sinalou que “tamén
propoñerémoslle ao Pleno que se dirixa á Consellaría de Educación da
Xunta para que recúe na súa pretensión de eliminar a oferta de
ensinanzas de Educación Secundaria para persoas adultas que se veñen
impartindo desde hai moitos anos no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.
Parece que a presión social e máis a do mundo educativo está facendo que
a Xunta dea marcha atrás, pero esta non quere ofertar os dous módulos
que se viñan ofertando, o cal é un despropósito”.
E engadiu: “e
como non, neste Pleno tamén falaremos e apoiaremos ao cadro de persoal
da empresa Vestas de Viveiro, ao igual que o resto de Concellos desta
bisbarra, xusto cando están neste momento crítico de ameaza de peche.
Todas as institucións debemos conxurarnos para que este capitalismo
depredador no que vivimos non permita falcatruadas coma esta: nun
momento que se queren inzar os montes de muíños, resulta que unha
empresa punteira quere pechar a produción de máquinas aquí na Mariña.
Ribadeo é dos Concellos que mais lonxe queda de Viveiro, pero estamos
moi preto del na loita pola xustiza, polo traballo e pola dignidade”.
EN RINLO CREARASE UN APARCAMENTO PÚBLICO
Plenos de onte
06/10/2021
O Concello acordou no pleno ordinario celebrado
onte solicitarlle á Xunta a incorporación do conxunto histórico de
Ribadeo ao plan Rexurbe e que non suprima nin total nin parcialmente os
ensinos secundarios de adultos na vila. Ademais foi aprobada unha moción
de apoio aos traballadores de Vestas.
O alcalde, Fernando Suárez, contou que “foron interesantes os plenos
que celebramos onte á tardiña. No tocante ao pleno ordinario, dicir que
saíron adiante a práctica totalidade, por unanimidade ademais, asuntos
tan importantes como a voltiña que lle queremos dar, aínda máis, ao
casco vello de Ribadeo. Agora solicitarémoslle á Xunta a incorporación
do conxunto histórico ao plan Rexurbe, no que pretendemos facer aínda
máis actuacións en puntos degradados e que precisan non só unha acción
dos particulares propietarios senón das administracións como pode ser a
Xunta máis o Concello. Tamén abriremos un novo prazo para pedir axudas
para a rehabilitación dos cascos vellos de Ribadeo e de Rinlo, e
seguindo en Rinlo aprobamos tamén iniciar os trámites de expropiación
dun terreo que xa se contemplaba no vixente plan xeral de urbanismo para
ser convertido en aparcamento público”.
O rexedor dixo que
“tamén neste pleno ordinario acordamos demandarlle á Xunta de Galicia
para que non suprima nin total nin parcialmente as ensinanzas
secundarias de adultos en Ribadeo, aínda que a Consellería de Educación
sabemos que recuou na súa intención inicial, agora segue apostando por
ir afogándoas pouco a pouco. Quero dicir con isto que o que pretende é
deixar de ofertar o módulo 3, equivalente a terceiro da ESO, e só
ofertar o módulo 4. Evidentemente non hai que ser moi espabilado para
ver que se non hai módulo 3 pois non haberá moitos alumnos proximamente
no módulo 4, e de aí que a petición da Corporación é que non continúen
nesta liña sixilosa de ir eliminando servizos coa burda escusa de que
non hai demanda. As estatísticas dos últimos anos están aí, se ben ao
principio dos cursos académicos non hai moita xente, a medida que o
curso avanza máis persoas se van incorporando, e desde logo temos que
dar educación tamén ás persoas que deciden retomar os estudos aínda que
sexa de adultos”.
Suárez Barcia manifestou que “ademais neste
pleno, aprobamos a moción de apoio aos traballadores de Vestas en
Viveiro con chamada de atención aos gobernos da Xunta e máis do Estado
para que se apliquen a fondo nas súas competencias, para evitar que
empresas que dan beneficios en sectores punteiros poidan alegremente
pechar e deixar a centos de familias tiradas. Entendo que debemos
regular e atemperar este capitalismo sen rostro, salvaxe e depredador
que se está erixindo como única vía. Xustamente a día de hoxe cando a
nosa sociedade está a piques de cambiar o modelo enerxético, o modelo de
produción e xusto agora cando se queren inzar de eólicos os nosos
montes, o mar, etc…, non podemos consentir estas paradoxas que estamos a
vivir”.
Mocións: lobos e peaxes futuras
O alcalde engadiu:
“finalmente, tratamos unha moción do PP sobre o lobo onde lles fomos
explicando o demagóxico da súa posición, pois entendendo desde logo que a
orde ministerial que hai pouco se aprobou non vai crear un problema que
xa existe en Galicia desde hai anos e que o único que pretende o PP é
canalizar as queixas dos gandeiros para tapar as vergoñas políticas da
Xunta e da súa falta de actuación, de financiamento de programas, etc…
ao longo destes anos de goberno do señor Feijoo. Tamén aprobamos unha
moción do BNG para demandar do Estado que non estamos dispostos a que se
establezan peaxes futuras polas autovías xa existentes como polas
longamente demandadas e nunca construídas como pode ser unha que nos
cadra moi preto que é a de Barreiros-San Cibrao. Parece ser que esta é
unha proposta que o goberno actual do Estado lle comunicou á Unión
Europea, pero tristemente tamén estaba na axenda política do goberno do
señor Rajoy aínda que non lle deu tempo a implementala. No apartado de
rogos e preguntas fomos, como sempre, respondendo a todas as preguntas e
aceptando os rogos construtivos e rexeitando os demagóxicos e
oportunistas que tamén houbo, como sempre”.
Pleno extraordinario
Fernando
Suárez explicou que “tamén houbo este pleno extraordinario que quixo
convocar o grupo do PP para, outra vez máis, destacar a súa condición de
enredante político e de tentar desviar a atención da súa falta de
compromiso naquelas actuacións e inversións ambiciosas e importantes nas
que si se debería comprometer e convencer aos seus compis da Xunta de
Galicia para que mirasen algo máis por Ribadeo, máis aló das
caxigaliñas, das camisolas, dos nikis e das medallas ás que tristemente
xa estamos afeitos a ver”.
O rexedor relatou que “neste
pleno que foi só declarativo de intencionalidade política, que non
resolutiva de ningún acordo, onde o voceiro do PP nos acusou de
sectarismo, faise boa aquela máxima castelá de Dime de qué presumes e te
diré de qué careces. Se a Xunta de Galicia lle quere ben a Ribadeo e,
polo tanto, quere investir aquí ten dúas vías, como en calquera outro
Concello do país, ben a través das subvencións que convoca e ás que os
Concellos nos podemos acoller, ou ben coa sinatura de convenios
extraordinarios”.
O alcalde lembrou que “no tocante á primeira
posibilidade dicir que si o fixemos, exactamente para pedir axuda para
arranxar as escolas de Covelas de Rinlo, foi hai un ano e a resposta que
tivemos foi que fósemos enfiar agullas por aí adiante, como se di
vulgarmente. O que fixemos posteriormente, despois desta negativa da
Xunta, no caso de Covelas foi consignar o seu amaño nos orzamentos que
aprobamos a principios deste ano, e no caso da escola de Rinlo pedimos,
antes do verán, un convenio extraordinario coa Deputación de Lugo, que
xustamente nos foi concedido hai semanas e aínda o asinamos antonte. En
canto a segunda posibilidade de que a Xunta nos financie a través de
convenios extraordinarios pois man aberta, pero non para dar labazadas
como moitas veces eles fan connosco senón para sumar, para acordar e
para investir en Ribadeo, pero iso lamentablemente faise pouco ou nada.
Aí o tivemos na residencia nova, acabámolo de sufrir agora na rúa da
Estación onde, despois de asegurárnolo, acabaron por non poñer un peso,
etc… Oxalá cambien, están a tempo de facelo, porque temos ademais moitos
máis proxectos que desenvolver”.
Para Fernando Suárez “desde
logo, querer como fixo o PP, alentando a membros secundarios de
determinadas asociacións de veciños con intereses directos, con
intereses reais para executar esas obras en edificios públicos
municipais, lévanos a tempos escuros e indesexados nos que nós non imos
entrar. Porque as asociacións de veciños tiveron, teñen e terán todo o
dereito do mundo de usar as escolas e os teleclubs públicos municipais,
agora ben, a responsabilidade, a custodia e a capacidade de actuación
correspóndelle ao Concello e, por extensión, ao goberno municipal que,
por certo, é un goberno democraticamente elixido por todos os veciños e
todas as veciñas de todo Ribadeo”.