Programación das festas non festas |
As festas non festas
Oito de setembro, día da patroa en Ribadeo. Estamos en 2021, un ano que todos sabemos que vai discorrendo dun xeito estraño. O ano pasado non houbo festas, este ano hai non festas, pero hai ‘Rememorando as patronais’, lembranza doutros tempos. Querer facer festas e non poder. Ou querer e non querer, sen medo, poñendo os medios para unhas festas seguras, e con medo nun novo rebrote despois de que no verán estivéramos nunha nova vaga de contaxios nun Ribadeo ateigado de visitantes.
Tempos raros estes. Non hai pregón, disparo de saída festeira, pero hai cartel con actividades de festa. Non se queren aglomeracións, pero prográmanse actividades que ‘xuntan xente’ coa seguridade que se intenta. Non se quere atraer xente, pero quérese. Contradicións nestes días das que algunhas non son máis que acrecentadas de xermes doutros anos, e outras, totalmente novidosas. A vida é contraditoria. Este verán pandémico houbo en Ribadeo máis xente de fóra ca nunca, iso si, boa parte con máscara ben posta, e o resto, en xeral procurando que non se notara moito que estaban fartos dela. Ou sexa, como a xente local, pero moito máis visibles para nós que a xente de aquí, que de tan vista é capaz de salientar co mínimo detalle da vida diaria e ó tempo pasar desapercibida para nós noutras cousas. A rúa da movida, chea á noite de xente de pé con ou sen a música de fondo do concerto no parque no que a xente tiña que estar sentada. Decibelios, os de sempre, o mesmo que, nesa mesma zona de movida, é a primeira na que ó amencer a vella motobomba de auga se oe ben alta mesmo con illamento groso nas vivendas. Onte non houbo ‘os fogos do sete’, pero si estalou unha boa ristra de fogos ó mediodía.
Hoxe é mércores, día de mercado en Ribadeo. pois non hai mercado, que hai non festa, ou, mellor, na versión oficial, Rememorando as patronais. Non se ve movemento de xente a estas horas, mesmo despois de pasar a
bomba, e tampouco hai chiringuitos festeiros de venda de chilindradas. Mais si que
seguen a funcionar estes días os que na rúa peonil se mantiveron todo o
verán. Nun par de horas estarán de novo ofrecendo os seus produtos. A misa será solemne, como nas festas, e no interior, como tradicional. Non porque chova -que está a chover- senón porque non foi prevista doutro xeito, que tamén pode haber misas no interior en tempos de virus. Como tradición das festas, a coral cantará na misa, e a banda actuará despois. O cartel non pon onde, interior ou exterior, dependerá do tempo, non tanto da pandemia…
Pouco a pouco a vida vai recobrando o pulso. Unha vida que seguirá a ser rara, para entendernos, con máscara a pesar da vacina e aínda que a máscara xa non sexa obrigada e a vacina se renormalice cunha terceira dose prevista. Ou sexa, con contradicións que tentaremos desfacer, coma sempre. Pero doutro xeito.
Foto publicada por Turismo de Ribadeo |