Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Vías da cultura en Ribadeo


Presentación do libro Socialismo en Europa
Presentación do Ribadeo Ilustrado

   No verán, Ribadeo ferve de actos diversos, aínda que tendan a agruparse nalgúns días máis concretos. O xoves 15 asistín a dous actos culturais ben diferenciados en Ribadeo, e que, ó tempo, presentáronseme non só querendo ocupar o mesmo espazo senón tamén como compoñentes alternativas da visión da realidade.

   Co da ocupación do mesmo espazo refírome ó espazo temporal (cheguei tarde ó segundo non rematando o conxunto do primeiro), pero tamén cultural (comparten parte do conxunto de xente á que van destinados) e mesmo de interese (os dous teñen trasfondo económico). Trátase da presentación do ‘Ribadeo Ilustrado’, a charla de Eduardo Gutiérrez sobre o Ribadeo no século XIX e comezos do XX baseada arredor da economía, e a presentación do libro ‘Socialismo en Europa‘, con charla de Xabier Pérez Dávila (que deixo en parte en podcast), tamén en boa parte arredor da economía, neste caso, europea e mundial.

   Pero o que máis me deu que pensar foi que son dúas compoñentes alternativas para mirar a realidade actual. E tamén por varias razóns. No caso do Ribadeo Ilustrado, o motor do acto era unha institución, o propio concello, e o acto, oficial, no salón de plenos, con máis de trinta asistentes que ocupábamos todo o espazo dispoñible antes de pasar (quenes foran) ó exterior, a unha visita teatralizada, etc. No caso do libro, o cine teatro, con máis separaciń dispoñible, acollía a algo menos de trinta persoas chamadas a acudir por un cartel sen máis logotipos que o que na portada do libro puxo no seu momento a editorial, e impulsado polo movemento de pensionistas de Ribadeo, integrado en MODEPEN, sen outro tipo de infraestrutura máis que o movemento boca a orella e unha nota de prensa. Posibilidades, logo, ben diferentes, aínda que repercusión no momento semellante en canto a asistencia, e textura de público ó final ben diferente.

   Dende outro punto de vista, Lalo recolleu diversos feitos para resumir a historia nun acto no que se trataba de potenciar a historia de Ribadeo como fonte de ingresos para o Ribadeo actual. No caso de Xabier, o que se tratou foi de estudar a evolución de liñas relacionadas co socialismo para proxectar un posible futuro da economía en Europa. En ambos casos, tanto o tema como a perspectiva eran máis amplos do reseñado, pero en ambos, de xeito consciente ou inconsciente, estimo que o fundamental era a economía, pasada, actual e futura. E as miradas, cunha base ideolóxica de partida relativamente semellante (que non persoal) estimo que non poden ser máis diversas. Non na análise en si, senón na orientación procurada por quenes deron as charlas, por quenes as impulsaron e tamén, por quenes asistiron…


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *