Coñeces o fielato? Posiblemente, se tes xa unha certa idade ou vives pola zona de A Devesa ou Reinante, saibas onde está o lugar do fielato. Algo máis difícil é que saibas o que significa (ou mellor, significou) a menos que naceras nos 50 ou antes.
Recollo da Galipedia:
“Fielato era o nome popular que recibían as casetas de cobro dos arbitrios e taxas municipais sobre o tráfico de mercancías, aínda que o seu nome oficial era o de estación sanitaria, xa que á parte da súa función recadatoria servían para exercer un certo control sanitario sobre os alimentos que entraban nas cidades.
O termo fielato procede do fiel ou balanza que se usaba para a pesada. No Dicionario de la Administración Española de Marcelo Martínez Alcubilla no apartado referente á contribución de consumos, recóllense unha serie de artigos para o correcto funcionamento dos fielatos:
– Art. 37. Os fielatos serán abertos á saída do sol e pechados á posta do mesmo.
– Art. 41. Os fielatos centrais recoñecerán e gravarán as especies que concorran a eles ao tempo de entrar e saír dos mesmos.
– Art. 42: Onde non existan fielatos exteriores deberán establecerse un ou máis interiores segundo esíxano as conveniencias do servizo.
– Art. 45: Onde só existan fielatos interiores, a circulación de especies para dirixirse a eles, só poderá verificarse polas rúas designadas para o efecto con marcas ou rótulos visibles.
Actualmente os fielatos foron substituídos por outros mecanismos cos que o Estado pode controlar a fiscalidade e a sanidade dos alimentos“
Descoñezo cando se deixaron de usar, se o seu abandono foi unha orde para toda España ou comezaron a suprimirse pouco a pouco, se había outro fielato na entrada de Asturias (de feito, e como outra curiosidade máis, nada máis cruzar a ponte sobre o fondo da ría, da parte veigueña a primeira casa aínda ostenta o rótulo de ‘Asturias’ a modo de ‘aduana’) ou outros detalles como se os edificios pasaron ós encargados do fielato. Pero o que si teño claro é que formaron parte na nosa historia e agora é descoñecida en xeral.
Deixo abaixo unha toma modificada do Sigpac e a foto da casa do fielato que estaba na Devesa, que aproveitei tamén para cargar na Galipedia.
A casa do fielato, en fotografía de hai uns días. |
Ó que se refire a Galipedia de Martínez Alcubilla é á cita: Martínez Alcubilla, Marcelo: Diccionario de la Administración Española. Tomo primeiro, Madrid, 1886.
Antes -din- había menos impostos, e había que procurar recadación por outros motivos. O fielato, encargado de velar pola sanidade dos produtos que entraban en Ribadeo, sería unha institución para conseguir algo dese plus necesario para o funcionamento institucional. Ó tempo, pola súa dispersión e difícil control, eran campo aboado para pequenas corruptelas.
En canto ó seu funcionamento, non eran cousa estrana a outras entidades semellantes noutras terras, que hoxe podemos ver como anacronismos e/ou curiosidades. Así, o da apertura de sol a sol chamoume a atención nunha fronteira sen vixiancia algunha, entre Austria e Liechtenstein:
Cartel fronteirizo ‘no medio da nada’ estipulando que ninguén pode pasar entre a posta e a saída do Sol (é dicir, pola noite), usable só ‘Sonnenaufgang bis Sonnenuntergang’, da saída á posta do Sol)