Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Burela, dende Ribadeo


   Esta semana chamou a miña atención unha nova cun titular clariño: La asociación de vecinos de Burela exige al gobierno más transparencia.

Os concellos de Ribadeo e Burela, no OpenStreetMap

  O titular levoume ó interior, pensando xa dende comezo que ser un concello pequeno en extensión levaba a que unha única asociación veciñal poidera cubrir todo o concello dun xeito representativo, cousa diferente nun concello como Ribadeo, onde a zona rural, ampla, pode afastarse ben máis da decea de quilómetros do casco urbano. Tamén, que non creo que a asociación fora con esixencias, senón con peticións razoadas. Pero a cousa está na palabra final: transparencia. Algo que non se limita aí. Porque a transparencia ben entendida implica outro tipo de relacións, mesmo unha participación.

   En Ribadeo hai tres quinquenios que se conseguiu preguntar nos plenos… iso foi o que se vendeu. Na realidade, as preguntas son unha vez rematado o pleno, co que non é a primeira vez que se teñen levantado concelleiros antes da contestación, dando unha imaxe de mala educación a máis de falta de respeto polas preguntas, hai que facelas con antelación, a través de asociacións… e ó final, quedan a disposición da alcaldía, o que fai que na práctica, despois de múltiples atrasos de contestacións que a asociación veciñal O Tesón -a que fixo a petición primeiro e fixo uso do sistema despois- tivo que reclamar unha e outra vez, o método rematara quedando sen uso.  Eran preguntas, non inclusión de mocións ou semellante no pleno, que quedan para exclusivo uso dos partidos en Ribadeo.

   Polo demais, a nova do Progreso podería trasladarse a Ribadeo e coido que non se notaría diferenza algunha, unha vez aplicados cambios evidentes por non ser o mesmo pobo, coa excepción de que o Vencello, a asociación veciñal burelesa, non parece estar nun mal momento, mentres O Tesón en Ribadeo está case sen actividade despois de que fora imposible a renovación da directiva hai xa varios anos. Unha cousa: en parte, non se notaría diferenza sinxelamente pola implicación -a falta de implicación- cidadá no propio destino.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *