Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

RENEGADOS. Pancho Campos Dorado


 

RENEGADOS

Pancho Campos Dorado

    Renegado dise do que abandona os seus ideais, as súas siñas de identidade, para unirse voluntariamente a unha institución diferente da súa propia familia, relixión, crenza ou país. Un adxectivo pexorativo tan desagradable como ler o “Informe da Oficina de Política Lingüística do Principado de Asturias”, sobre a Ría de Ribadeo, escrito en un rebuscado galego oriental por Antón García Fernández “Director General de Política Lingüística” do Principado, a quen acompañan na redacción uns cantos adláteres tan mal intencionados coma el. Sobre as esperpénticas reviravoltas deste informe fai un exhaustivo estudo Evaristo Lombardero (tamén en La Comarca del Eo 22-maio-2021), polo que eu non vou entrar a facer algo que xa está feito.

    Aínda non sei por qué no Principado se gastan cartos nunha oficina desta índole, cando no Parlamento de Asturias non lles deixan falar en tal linguaxe porque os de VOX “non entenden o galego” (Pleno do Parlamento de Asturias 27-nov-2019, ibidem). Este tipo de oficinas que se crearon na “Democracia Española de Partidos”, non solo na Autonomía de Asturias, son dese tipo que cheiran moitísimo a “chiringuitos da bicoca” onde se enchufa aos “amiguetes” que non se sabe que facer con eles, pero que por diversas razóns fora do coñecemento público, teñen que darlles algún cargo oficial para cobrar substanciosos emolumentos por “non fare niente”.

    Neste caso do topónimo da Ría de Ribadeo, poñen a este tipo de personaxes a discernir unha causa da que de forma teimuda xa é, desde fai séculos, característica endémica do Principado para facerse coas terras e dominios do Reino de Galiza, como xa explicaba anteriormente (tamén en La Comarca del Eo, 1-maio-2021).

    Renegan dos antigos topónimos que expresan realmente o que son e existe nas terras do Reino de Galiza. Así vemos, como renegaron da denominación Reboredo, hoxe concello de Castropol, posiblemente porque Reboredo ven de rebo = desperdicio, cascallo, escombro, e reboredo é o lugar onde se acumula algo de todo isto, analoxicamente como arbore = arboredo. Esta antiga denominación de Reboredo, no caso desa zona da marxe dereita da Ría de Ribadeo, aparece como consecuencia da acumulación de ramaxes e outras cousas flotantes, xeralmente, que deixa o mar nunha ribeira ou no alto dunha praia cando baixa a marea, popularmente coñecidas en galego como “crebas” ou o “rebo do mar” e que os ribeiregos aproveitaban para queimar nas lareiras. Hoxe son escollidas e rebuscadas polos artistas para facer obxectos de arte.

    Esta “Comisión pral estudio da denominación da Ría”, debeuse formar na barra dun bar, para cumprir co “decreto 38/2002 d’abril y del 98/2002 de 18 xuyin (diminutivo de xullo) para recuperación da toponimia asturiana”. Supoño que para facer algo así, terán que primeiro aprender algo do idioma galego, pois senón non entenderan nada do que oian ou lean. Pero creo que este chiringuito da comisión o que pretende e inmatricular territorio pola cara, tal e como lles está aprendendo o bispo de Oviedo, un verdadeiro mestre neste tipo de apropiacións de “inmobles”, que incluso trata de “okupas” ás monxas nas súas casas. Desde aquí os nosos parabéns a Gonzo de Riotorto polo magnífico reportaxe na Sexta, sobre o citado individuo o 23 de maio do presente.
A denominación da Ría de Ribadeo é tan antiga como o nome histórico de “Ripa Euue” que aparece en 1125 no Tumbo de Lourenzá, pois o topónimo ten todo que ver co Porto de Ribadeo, pois todos os accidentes xeográficos da costa, e máis aqueles a onde se chega en barco, teñen a denominación que lle puxeron os mariñeiros. Isto corrobórao a Armada Española que sinalou en tódalas súas cartas de navegación a denominación, Ría de Ribadeo, sen excepción, primeiro feitas a man polos propios capitáns dos barcos, e máis tarde polos Institutos Xeográficos nacionais. Sen dúbida isto é cousa da xente do mar. Non creo que a ninguén se lle ocorra cambiar o topónimo do Estreito de Magalláns, polo o do estreito dos Onas. Ou si? Quizais queda mellor na perspectiva interpretativa do señor Antón, Director General de… etc.

    Pero non solo o topónimo Ría de Ribadeo está en todas as cartas de navegación da Armada Española, subscritas ao Instituto Xeográfico Nacional de España, senón que tamén Ría de Ribadeo está en todas as cartas de navegación do Almirantazgo Británico, cousa que os ingleses que son moi de seu, non sempre respectan as denominacións españolas, como por exemplo, nas cartas británicas non existe o Mar Cantábrico, senón o Atlántico e o Golfo de Vizcaya; non existe o Canal da Mancha senón o Canal de Inglaterra; etc.

    Pero parece que desde 1958 que a administración franquista cambiou “os marcos” ó medio da ría, o Principado colleu fol e quere ter potestade en toda a ría e co nome cambiado. Non é de estrañar que ocorra neste momento precisamente pois vendo a abraiante actuación do “insigne” Alberto Nuñez Feijoo que intercambia relacións internacionais co presidente portugués don Marcelo Robelo de Sousa, no idioma castelán (Nós, Nº363 do 28-05-2021) ou mesmo co arcebispo de Compostela facendo a ofrenda ó Apóstolo o 25 de Xullo en castelán. Vendo o que se ve, os galegos podemos esperar calquera cousa desta vergoñenta tropa que nos mangonea. Como é posible que as altas estancias do Goberno Galego teñan esta actitude co noso idioma, coa nosa nación galega? En verdade vos digo, como di o Señor, que temos o que merecemos, caciques galegos, votados polos galegos.

    Ribadeo foi o porto comercial máis importante do norte da Península Ibérica, ao menos desde o século XII, ate entrado o século XVI. Para ser porto comercial importante tiña que ser unha vila libre para medrar, libre de señores e bispos que se inmisciran nos seus negocios. A poboación de Ribadeo, de realengo, era tan libre que o bispo Martín (1219-1248), despois de levar a sé episcopal 36 anos en Ribadeo, levouna de novo para Vilamaior de Vallibria (Mondoñedo), pois aquí ninguén lle facía xenuflexións ó pasar. Gran erro por parte do bispado mindoniense, pois si aquela sé episcopal do século XII e XIII seguira en Ribadeo hoxe posiblemente tería a categoría dunha sé bispal con porto, tal como San Sebastián, e como porto de mar, Ribadeo tería servizos de todo tipo e non a mediocridade que hoxe temos.

    Por outra banda, non quero deixar no tinteiro, que o topónimo do Porto e Ría de Ribadeo é propio de profundas raíces da nobreza galega, e cuxa historia antiga temos que explicar. Henrique II “o das Mercés” cando chega ó poder en 1369, despois de matar ó seu medio irmán Pedro I “O Cruel”, propúxose desprestixiar todo canto podía ao Reino de Galiza e a todas as familias de nobreza galega que estiveran, ou non, en contra da súa causa, pois Galiza fora territorio que apoiou ao lexítimo rei Pedro I, fillo de Alfonso XI (1312-1350) e da súa lexítima muller a infanta María filla de Afonso IV de Portugal. Por esta razón de desprestixio, as terras do Condado de Trastámara por menosprezo aos nobres do Reino de Galicia, deullas ó mercenario francés Bertrand de Guesclin que lle veu axudar na guerra contra Pedro I desde o ano 1366. O condado de Trastámara, fora a perla de Galiza mentres estivo na familia dos Condes de Trava, e perdeu a galeguidade no momento en cos Trava o perden e pasa a ser título dos reis de Castela. Alfonso XI cédelle este título o seu fillo ilexítimo Enrique, pois quere que a dinastía Trastámara sexa para os nove fillos que ten da súa querida dona Leonor de Guzmán e Ponce de León. Dinastía que tiveron os reis de Castela até Isabel a Católica. Di sobre este punto a historiadora galega Victoria Armesto, “al ceder Trastámara al aventurero Bertrand du Guesclin, Henrique parecía decir a los gallegos: “mirad en que estima tengo a vuestro famoso condado y como me río de vuestros Travas y Trastámaras… mi padre lo cogió para mi y ahora yo se lo regalo a du Guesclin, como se lo podría regalar, si me diera la gana, al último de mis escuderos…” (V.A. Galicia Feudal II, Ed. Galaxia 1969, p.408).

    É moi posible, que por esa mesma razón de desprestixio lle dera as Terras do Condado de Ribadeo, o mellor porto do Cantábrico daquela época, a outro mercenario francés, Pierre de Villaines (20-decembro 1369) as cales “foran redimidas polo rei Fernando II (1137-1188) por 1500 marabedís, a causa dunha permuta fraudulenta entre o conde e o bispo mindoniense”. Isto de ser “redimidas polo rei… a causa dunha permuta fraudulenta” despois de saber o desprezo que destilaba Henrique II con Galiza, parece máis ben unha “tapadeira” amañada posteriormente por algún escribán as ordes, de quen??, para ocultar os feitos ocorridos, pois as terras pertencían a outra das máis grandes familias nobres de Galiza, a familia dos Condes Velaz de Montenegro, segundos en poder despois dos Condes de Trava e Trastámara. É posible crer que o rei pagara por redimir terras do seu propio territorio, por falcatruadas entre un nobre e un bispo? Quizais!!

    Pero aquí non acabou a aversión de Enrique II a Galiza. Desde os tempos en que Leovixildo (rei de Galiza desde 585) destruíu a monarquía sueva os herdeiros da coroa chamáronse sempre “Príncipes de Galiza”. Enrique de Trastámara decretou en Medina del Campo que como castigo a súa deslealdade (cara a el, non ao lexitimo rei) seu fillo e herdeiro Juan, xa non se chamaría “Príncipe de Galiza”, senón que sería “Príncipe de Asturias”. Sobre este particular di o historiador galego Benito Vicetto: “venganza vulgar y miserable, propia de un bastardo y de un asesino” (B.V. Historia de Galicia, Tomo V, Ferrol 1872, Ed. Alvarellos, p.371). Estas ramificacións e prexuízos herdáronas os Austrias e os Borbóns. Os sucesivos reis deron en mirar a Galiza como un pais extraño… (V.A. ibidem, p.420).

    Como vemos, a denominación Ría de Ribadeo está estreitamente ligada ao Porto de Ribadeo e a todos os aconteceres do Ribadeo comercial marítimo por excelencia, e todo o que presenta o respecto o Principado de Asturias, é o teimudo esbardallar dun chiringuito. En fin…!!


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *