Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A RIA DE RIBADEO vs Ría del Eo nas políticas do Principado de Asturias (II). Evaristo Lombardero Rico


 

A RIA DE RIBADEO vs Ría del Eo nas políticas do Principado de Asturias (II) 

 

   Na entrega anterior rematamos
suliñando o acordo da Comisión Especializada de Nombres Geográficos do
día 12 de marzo de 2008, no que se tomaba como referencia o informe da
Real Sociedad Geográfica
para concluir que a denominación “Ría de Ribadeo” estaba en toda a
cartografía mundial e a “Ria del Eo” era un topónimo erróneo e de
recente creación. 

    Así as cousas o día 11 de
Abril de mesmo ano o grupo parlamentar de Izquierda Unida presentou unha
proposta non de lei ao Parlamento asturiano que foi debatida no pleno
do 31 do mesmo mes e
aprobada por unanimidade. A proposta de IU argumentaba unha serie de
consideracións de carácter histórico e cultural nas que non imos entrar
porque carecían e carecen calquer rigor documental. Dito de outro xeito,
unha cousa é discursear sobre antecedentes
históricos e outra moi distinta avaliar eses discursos ca documentación
acaída. Agora ben, o que non dixeron os medios, pero está nas actas da
sesión é que o noventa por cento do discurso do IU limitábase a darlle
cana ao goberno do PSOE pola sua “neglixencia”
ao defender con pouco énfase a-suposta-
tradición topográfica da Ría del Eo. Comentado o tema con unha persoa do
mesmo grupo parlamentar deixoume claro que se trataba de “meterle el
dedo en el 
ojo al PSOE”. Resulta obvio que a cuestión, aparentemente
central, das tradicións culturais ou topográficas eran subsidiarias
dunha prioridade táctica conxuntural, ademais do minuto de groria do
deputado propoñente. O que me interesa suliñar aquí é que
centos ou cecais miles de persoas simpatizantes de IU ou de outros
grupos políticos, sentiron palpitar o seu corazón na defensa da
“política correcta” do grupo propoñente, sen poñer en dúbida que estaban
sendo manipulados con mitos historicistas pouco concordantes
ca documentación dispoñible. A cuestión, xa que logo, é o doado que
resulta construir mitos identitarios a favor de vento e marea. Quen ía a
pensar que once anos máis tarde (Pleno da mesma cámara do día 27 de
novembro de 2019) sería o Partido Popular o que
se apoiase no mesmo argumentario –e ideario- para sacar adiante outra
proposta semellante tamén con unanimidade e minuto de gloria incluído.  

    Nos meses seguintes a teima
por institucionalizar a “Ría del Eo” seguiu a su roda e, como xa
comentamos nunha entrega anterior, a “Asociación Puente de los Santos” e
o CEDER OSCOS-EO publicaron
o libro “Ría del Eo. Naturaleza entre dos aguas” en lingua castelá e a
versión galega “Ría de Ribadeo. Natureza entre dúas augas”, que saíu do
prelo en maio de 2009 para ser difundido nos colexios de Ribadeo,
Castropol, Vegadeo, etc. En ámbalas duas edicións
déixaselle moi craro aos escolantes qua a ría ten duas denominacións
equiparabeis. Asemade seguiuse traballando na documentación da Reserva
da Biosfera Rio Eo, Oscos e terras de Burón, aprobada definitivamente en
2013, onde aparece 18 veces a denominación “Ría
del Eo” e unha vez “Ría del Eo o de Ribadeo”. Lembraremos aquí que este
novo chanzo non se houbera dado sen a colaboura imprescindible do BNG e
do Sr. Alcalde de Ribadeo que de aquela calaron como afogados. E
refrescar a memoria de que a resolución da Comisión
Especializada de Nombres Geográficos, era de obrigado cumprimento por
todas as administracións públicas do estado español de acordo co “
Real Decreto 1545/2007, de 23 de noviembre, por el que se regula el Sistema Cartográfico Nacional”
e non foi recurrida nin respostada técnicamente polo goberno do
Principado de Asturias, nin por ningún grupo da oposición, nin por ningún
concello, nin por ningunha asociación cultural. Ou sexa que pasou o día
e pasou a romería.

                   
 

    E despois de varios anos de
certo esquecemento do tema, chegamos ao Pleno do 27 de novembro de 2019
da Xunta General del Principado de Asturias, onde hai un cambio de
prantexamento: agora xa
non pretenden que se suprima a denominación “Ría de Ribadeo” da
cartografía mundial, agora admiten que a “Ría del Eo” sexa equiparable a
“Ría de Ribadeo”. A xustificación é que, según eles, o uso destas
fórmulas é o cotián nas duas bandas da ría. Resulta obvio
que esta é unha afirmación gratuita e motivada por intereses
partidistas, porque non hai ningún estudo sociolóxico que a xustifique. A
miña opinión persoal, e polo tanto absolutamente discutible, é que a
gran maioría da xente pasa amplamente desta chilindraina
e que so se fala dela a nivel de mostradores e agora nas redes sociais,
mais por entretenemento que por outra cousa. E a cada punto son mais os
comentarios do tipo “que se deixen de caralladas e que miren de
resolver os problemas reais da xente, o emprego,
os servizos, etc.” Pero tamén hai que comentar outros dous pontos: o PP
ven agora de apagalumes dun incendio que estaba morto e só eles
azuzaron para sacar dous titulares e finalmente a pérola do seu
discurso: “A Ria del Eo é unha reivindicación identitaria
para Asturias”. Pero desto é das actas da sesión parlamentar do 27 de
Novembro de 2019 falaremos na próxima entrega. 

 

Evaristo Lombardero Rico 12 de Maio de 2021

A serie: 

PLENO DO PARLAMENTO DE ASTURIAS DO 27 DE NOVEMBRO DE 2019. RIA DEL EO VS RIA DE RIBADEO.

A RIA DE RIBADEO vs Ría del Eo nas políticas do Principado de Asturias (II)

A RÍA DEL EO NA POLÍTICA DO PRINCIPADO DE ASTURIAS (I).

A RIA DEL EO NO CONCELLO DE RIBADEO.

 


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *