Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Non se pode vivir da nada (ou sexa, do conto)


   Si, xa sei: hai xente que vive do conto. E viven. Porque llo permitimos. Na realidade, esa ‘xente que vive do conto’ está a vivir de nós, de explotar ós máis, de usalos (de usarnos), e soe vivir moi ben, mesmo ser famosetes e manexar abondo máis cartos ca media. Son uns poucos que nos teñen enganados. Nada que ver con que todos -literalmente- vivamos ou poidamos vivir do conto. Nada que ver con que a humanidade viva do conto, poda vivir de fume.

   Lembroumo un tweet. Traduzo: Extinction Rebellion Spain
@esXrebellion
·
18h
Hoxe 25 de maio, España xa esgotou os recursos naturais que poden rexerarse.

Cada ano chegamos antes.

Se o mundo vivira ó paso ó que o fai España, necesitaríamos 2,5 Terras.

Imos vivir todos estes meses (ata fin de ano) sobreexplotando a Terra por riba da súa capacidade.

#OverShootDay

    E vivimos. E parécenos que a cousa marcha, que esas cousas son contos alarmistas porque seguimos vivindo. Mais na realidade estamos a facer o mesmo que quen dilapida unha herdanza: ó final, remata quedando sen nada, sen medios. E iso que o tweet refírse a ‘recursos naturais que poden rexenerarse’. É dicir, non conta con aqueles outros, sexan uranio ou terrar raras, pasando polo petróleo, claro, dos que sabemos que hai cantidade limitada á nosa disposición e o máis que podemos facer é reaproveitar ese recurso unha vez desbotado o utensilio que xa non funciona e o emprega. Sempre que podamos facelo: se se queima como no caso do petróleo, non hai xeito de reaproveitalo, a máis da contaminación que produce e derivados como o efecto invernadoiro. E aínda que sexan pasos adiante os dados esta mesma semana, a sentenza contra a Shell nos Países Baixos pola súa contribución ó cambio climático ou que accionistas de Exxon e ó tempo activistas lograran meter a dúas persoas como directivos proclamando que o xigante petroleiro non inviste abondo en enerxía máis limpa, non é consolo nin abonda.

   Noutros lares a cousa vai aínda peor, e por onde se mire, tende a empeorar. Vanse poñendo chanzos pouco a pouco para tratar de mellorar, de que quede con que vivir a longo prazo, procurando menos plástico nas bolsas ou menos cantidade de terras raras nos procesadores. Mais, ó tempo, estanse a fabricar máis procesadores ou facer que as viaxes de mercadorías sexan cada vez máis. Terzando, e non no medio entre extremos, a máis de non ter alternativa de consumo moitas veces, ou de que a obsolescencia programada invadira o campo de máis e máis produtos, non somos conscientes -inclúome- do que significan pequenas cousas como abrir a billa na casa. En Ribadeo, beber un vaso de auga -200 mL- leva consigo traela por unha rede de canalizacións case 20 km, elevándoa a máis de 100 m de altura antes de volvela a deixar caer cara ás casas. Algo que necesita 200 J de enerxía, a máis da fabricación da canalización ou dos produtos químicos para mantela potable e segura, o mantemento da infraestrutura, etc. Aínda así, moi pouco para os parámetros de moitos lugares (lembro que en Los Ángeles algunha auga vai canalizada dende uns 500 km de distancia).

   E, mentres, de non ter recursos acumulados, xa teríamos consumido todo o que poderíamos conseguir no ano. É dicir, non teríamos nada que nos permitira vivir. Estariamos mortos.

   Ou sexa, hai que cambiar. E rápido.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *