Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Ai, Mariña!


Imaxe derivada de https://gl.wikipedia.org/wiki/Ficheiro:Mari%C3%B1a-mapa.png, por José Ramón García Ares, con lic. CCBYSA3.0

   Adico o título á Mariña (non a Mariña), pero podería facelo a unha entidade máis ampla… ou ó revés, deixalo reducido a outra máis pequena, como un pobo, ou mesmo unha aldea: podes elixir ti o lugar concreto.

   Hai algún tempo, pouco despois de que Biden fose investido, saía unha pregunta como titular do New York Times: “America Has Long Favored Cars Over Trains and Buses. Can Biden Change That?
Algo que remachaba no subtítulo:
“The president’s infrastructure plan tries to break from the past by shifting spending away from new roads and toward public transit. It won’t be easy.”

   Ou sexa, “Os EEUU teñen favorecido por longo tempo os coches sobre os trens e autobuses. Pode cambialo Biden?” e “O plan de infraestruturas do presidente tenta rachar co pasado cortando o gasto de novas estradas e dirixíndoo cara ó transporte público. Non vai ser doado.” Cave especificar algunhas cousas: en pleno século XXI, os estadounidenses vense a eles como ‘América’, algo derivado da ‘doutrina Monroe‘ de hai xa dous séculos atrás e que, parafraseando outra célebre frase do Rei Sol, os EEUU interpretan como ‘América son eu’.

   Os EEUU favoreceron os coches? Si, claro. Na práctica, o seu desenvolvemento industrial coincidiu no tempo co desenvolvemento da súa industria automobilística. Un tempo no que a longa rede ferroviaria do país, e  viu decair a súa importancia relativa, aínda sendo a espiña dorsal que facilitou o desenvolvemento, ata chegar á actualidade. Unha rede que no seu momento vertebrou e supuxo un aumento da cantidade e velocidade do transporte conxugadas cunha mellora no prezo, ó tempo que permitía a relación nun país inmenso e a competivividade da súa industria. E ben, poderá Biden cambialo? Aquí, novos factores a considerar: as liñas de tren ou autobús, ou avión, así como os coches individuais (individuais como en ningún outro país, aproximándose a unha persoa, un coche) e os fabricantes correspondentes, son privadas. Cambiar a tendencia en pouco tempo e mantendo a liña mental económica supón destinar -dar- recursos públicos a redes privadas, fágase no sentido que se faga. Pero lugares onde a estación do tren foi dende o seu comezo o punto central do pobo, onde naceu, ou ven o seu mantemento ou o propio afogamento da poboación e os poboadores…

   Volvendo á Mariña, o desenvolvemento da rede de estradas non está mal. Entre outras cousas, porque na actualidade, onde o tren non pode chegar, tes que usar algún tipo de transporte por estrada. Pero o lento desmantelamento en curso da liña de ferrocarril que vertebra a Mariña e a une á zona atlántica de Galicia e ó centro asturiano, aínda cun montón de problemas a solucionar, de velocidade a seguridade, pasando por situación das estacións ou conexión desa liña con outras cara ó interior, arroxa problemas parellos ós que agora Biden tenta atallar nos EEUU: falta de competitividade, falta de relación, falta de servizo. Falta de futuro.

   Haberá aquí voluntade presidencial (túa, como propio presidente de ti mesmo ou mesma, local, comarcal, provincial, autonómica, estatal…) para facer posible ese futuro?


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *