Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Somos os nosos maiores


   Cento e moitos. Os números báilanme aínda. En Vilalba, a residencia de anciáns de toda a vida é o hospital-asilo, coñecida como ‘O Hospital’. Sufriu unha hecatombe. Agora xa non sei se seguirá sendo coñecida así de aquí en diante. En Ribadeo, semanas despois, outra residencia, tamén hospital asilo, abondo máis pequena, achegouse a unha situación semellante. E son só dous centros, que me tocan máis preto, entre un mar deles.

   – Non importa a idade que teñamos, envellecemos. Todos. O de ‘envelleceremos’, xa depende. 

   Unha residencia non é a única opción para seguir envellecendo máis aló de certo punto. Mesmo, segundo que tramos de idade e lugares, é unha opción abondo minoritaria. Mais o falar de residencias e COVID19 é algo que manifesta o trato que a sociedade da a unha certa franxa de idade, exposto en carne viva nunha frase como “‘granxas de vellos’ atacables pola enfermidade de xeito doado” -si, xa sei, o de ‘granxas de vellos úsase tamén noutros contextos-. Mais hai outros aspectos, contando coas residencias ou non contando, que xa antes do coronavirus incidían na calidade de vida dos nosos maiores. Un dos máis punzantes é a soidade. Que pensa o maior da súa vida ós 80, 70, 90 anos? Que cambios espera? Que forma de vida? Esta última pregunta coido que é boa para facérnola a nós mesmos, a xente que non estamos en residencias de maiores porque, pensamos, ‘aínda non somos maiores abondo para poñernos a pensar niso’, ou sinxelamente porque a vellez aínda non forzou o noso decorrer diario. As residencias son só unha manifestación de que o trato a algúns maiores, convertido en acto de lucro, convértese á súa vez nunha lacra que contamina as relacións con todos os maiores. E non só con xente ‘maior’, senón que por extensión, ‘coa xente’. Converter ós maiores en mercadoría contribúe a converternos ós non tan maiores tamén en simples suxeitos de trata. Só contribúe, que aí están outras manifestacións para facer real esa nosa conversión en obxectos.

   – Que esperanzas de vida, en anos, pero sobre todo en faceres, lle queda a unha persoa maior? A pregunta vai a máis agora, cando se confirma que o COVID19 xa rebaixou un ano as expectativas de vida das persoas en España. COVID que tamén as illou máis desas necesarias relacións persoais que todos necesitamos.

   Está de moda dicir -e poñer atención a- cousas como ‘somos o que comemos’, ‘somos o que lemos’, etc. O queiramos ou non, moito máis representativa que frases como as anteriores, é esta: somos os nosos maiores. Porque aspiramos a ser os maiores doutros, estamos aprendendo dos nosos, imos detrás deles… e, en parte tamén porque non somos conscientes de que o somos, polo que seguiremos a nosa herdanza sen ter visión para desviármonos dela, de optar a mellorala.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *