Onte foi un día de calor. Non chegou, nin moito menos, á máxima rexistrada na estación meteorolóxica da Granxa Pedro Murias (35,4 ºC, 15 de outubro de 2017), pero chegounos. Ao menos a moitos, aínda que haberá a quen lle pareza unha temperatura normal.
De calquera xeito, polo momento, en Ribadeo non houbo ninǵun ano no que houbera máis de dous días con máxima de máis de 30 ºC. E onte superou esa cifra: 30,3ºC, logo non foi un día tan común. Nos próximos días, é posible que voltemos a superar algunha vez o 30º, e polo menos catro días, os 25 ºC. Iso levará consigo que as pendentes que poño a continuación na gráfica se inclinen un pouquichiño máis…
A liña azul indica o número de días, en cada ano, que se superaron nalgún momento os 25 ºC. A comezos do século, esperábase que se superara esa temperatura 9 días ó ano. Agora espéranse 13 días. Por outra banda, a liña vermella indica o número de días de cada ano nos que se superou a temperatura de 30 ºC. Na primeira década do século, só se superou en tres anos, un día en cada ano (2003, 2004 e 2010). Na segunda década, levamos só tres anos nos que non se superaron os 30º, e hai máis anos con dous días con esa temperatura superada que cun só día. E… este ano aínda pode subir.
Si, en Ribadeo o cambio climático xa é claro. E parece que o vai ser máis en anos sucesivos.