Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Novelle


 

Novelle

Pode que non o coñezas: non foi político, nin artista, nin
celebridade mediática… mais a súa influencia a nivel Galicia non
é desprezable.

Coñecín a Javier Novelle no ano 2000. Coñecímonos. Ou máis ben,
deba dicir coñeceume: preparando el a 5ª edición do Día da
Ciencia na Rúa, tivo noticia da Feira da Ciencia que mantíñamos no
daquela IFP Porta da Auga e achegouse a Ribadeo para ollar a nosa VI
edición e invitarnos a participar na Coruña. Dende aquela, non
faltou a participación ribadense na festa científica coruñesa ata
o día de hoxe: foi o comezo dunha amizade na que el, sorridor
empedernido, desbordante de vida co seu ímpeto calmo, puxo o comezo,
e agora, o final.

Morreu hai un par de días, xusto a piques do seu setenta cumpreanos,
pero moitos anos despois de que a súa vitalidade quedara para min
impresa na constatación da amizade. Era difícil non facerse amigo
del a pouco trato que se tivera. Podías comezar relacionándote con
el a nivel profesional, como foi o meu caso, mais, animado, xeneroso,
activo, de seguida pasabas a ser cómplice da súa amizade.

A súa vida vese malamente compendiada na introdución do artigo que
lle adica a Galipedia: “Francisco Javier Novelle Secades, nado en
Teberga (Asturias) o 15 de agosto de 1950 e morto na Coruña o 14 de
agosto de 2020, foi un activista difusor científico e profesor que
desenvolveu a súa actividade en Galicia.” Malamente non porque non
sexa reflexo da realidade, senón porque un relato referenciado como
o que é necesario na Galipedia non é capaz de reflectir toda a
vivez dunha vida na que a súa actividade cara á sociedade non pode
separarse das vivencias internas, dos amigos, do desenvolver diario.
Pode poñerse nun artigo enciclopédico o seu cariño pola terra
natal, algo íntimo, lugar onde se sentía a gusto e retornaba unha e
outra vez? Non. Todo o máis, pode poñerse algo como que gustaba de
visitala. Hai unha diferencia grande que calquera que teña
sentimentos parellos pode recoñecer.

Profesor no IES Calvo Sotelo de A Coruña, ós seus alumnos tíñaos
presentes de continuo, pero será coñecido e recoñecido polo
impulso que levou ó Día da Ciencia na Rúa ó que é na
actualidade: un referente galego de difusión científica. Pode
dicirse que, como instrumento, tiña a Asociación de Amigos da Casa
das Ciencias, da que entrou a formar parte na súa primeira directiva
aló polo 1993, rematando como presidente o día da súa morte. E,
dentro da asociación, cousas como as visitas periódicas a
diferentes lugares da xeografía galega, sexa para recoller
cogomelos, empaparse da historia dun lugar, estudar a xeoloxía dunha
zona, entender o funcionamento dun laboratorio, dar un paseo sentido
por unha fraga… ou moitas outras, deron impulso a un núcleo non só
de amizade, senón de coñecemento e transmisión de vitalidade ás
persoas e ó entorno. E non foi a única asociación na que puxo o
seu gran de area. Distinguindo ben os campos de actuación, tamén
foi presidente e impulsor da Asociación de Ensinantes de Fabricación
Mecánica.

O mesmo que un artigo enciclopédico ten uns límites estritos, unha
pequena semblanza tamén ten limitacións: non pode traer á persoa
con todas as súas luces e sombras, e menos aínda a riqueza dunha
vida. En algún lugar hai que cortar, sabendo que non se chega amosar
nin a punta do iceberg.

Javier, mentres a terra non cubra ós teus amigos, seguirás vivo. E
despois, os efectos das túas obras han continuar relevantes aínda
por moito tempo.

Lembranza no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *