Unha festa, unha música é un artigo feito para o libro das festas patronais de Ribadeo 2001. Aí vai:
—
Posterior (abril de 2025). A raíz dunha petición recibida, deixo o texto con algunha corrección e en formato usual:
Unha festa, unha música Festas patronais 2001. Neste ano que sona a Stanley Kubrick e Arthur Clarke, a futuro, aproveito para mirar un pouco ó pasado. Dende fai moito tempo, as festas, tódalas festas, teñen unha compoñente musical importante. Estas nosas, as de Ribadeo, un lugar onde a música é importante, non son unha excepción. E dentro desa compoñente, hai certas invariantes dende hai anos, particularizadas na Coral Polifónica e a Banda. A Coral ten xa unha longa tradición, pero a banda, a nosa banda, tamén é xa historia, aínda que recente e a parte de que a siga a facer día a día. Dende o ano 92 non faltou á cita coas festas. Este ano 2001 ten algo de amargo, ó tempo que de recomezo, de volta a pactar unha alianza con este tempo festivo. Outro director fará as veces desa persoa que lle deu vida á vez que conformaba unha cultura musical en Ribadeo sobre a que xa había, ó tempo que influíu tanto sobre a nosa xuventude e sobre nós mesmos, ó tempo que se facía Amigo. Con ou sen contar as festas, a banda xa é tradición en Ribadeo. Faltou unha banda no pobo do 55 ó 92, polo que as bandas que tocaban era foráneas. Dende entón, a Banda de Ribadeo, Municipal e logo tamén Sinfónica, non faltou á súa cita o oito de setembro. É historia non só agora, senón dende fai anos. Para fer unha viaxe curta que o amose, collerei só os catro primeiros da súa existencia, do 92 ó 95, e, como no último ano xa había suplementos de varios medios para A Mariña, repasando só a Comarca, sen recorrer nin ós programas de festas. A impronta deixada pola BSMR pódese ver con claridade de calquera xeito. Ano 1992. Recén saída a banda (concerto de presentación, o 31 de xaneiro) da man de Ibáñez, e no seu número 2784 do sábado 5 de setembro, a única referencia que se facía na Comarca á actuación da banda era unha frase <... Banda, que nunca puede faltar>. Unha semana máis tarde, o mesmo Ibáñez escribía <... Banda de música para el 8, lo fue y con todo merecimiento, la de Ribadeo, la Banda del pueblo, que escuchó aplausos por doquier, amén de mericidísimas alabanzas>. A banda entrara na historia das festas, despois dun tímido aviso feito de xeito xenérico. No ano 1993, a Comarca do día 4 de setembro, na súa páxina 6 publicaba un artigo sen firmar que titulaba <O día da patrona, a Banda municipal estrea a segunda fantasía de Katiuska>. No seu interior, anunciábanse dous concertos para o día oito. O primeiro, tra-la procesión, que iría ó paso de <Escipión>, e o segundo, ás oito da tarde. Os dous, no templete do Campo de San Francisco. Tamén anunciaba o acompañamento das autoridades do pazo municipal á igrexa, ó paso de <Attonline>. Explicaba o artigo que o tocar a segunda parte de Katiuska era unha homenaxe a Manuel Cortés, tenor ribadense que estreou a Zarzuela de Sorozábal en Madrid en 1932. Remataba o artigo referíndose ó prometido concerto <Aquí como en Viena>, programado para o Nadal. O artigo, da man de Hernán, cubría un déficit de información noutro lugar. Como comentario, hoxe en día é Ribadeo o único lugar en que a banda segue a tocar en marcha. Foi no ano 94 cando a presencia da banda pasou xa a outro nivel neste medio de comunicación. No número 3888, do 3 de setembro, a banda aparece referida nas páxinas I e na II do especial, a máis do artigo asinado por Hernán na páxina XV do mesmo suplemento. Vaiamos por partes: Na páxina I, refírese ó pregón escoitado o día 27 de agosto de boca de Rafael del Pino, axustando <La jornada se completó con un concierto de la Banda Municipal de Música, en el palco del Campo de San Francisco, que bajo su titular, Hernán Naval Parapar, ejecutó las piezas siguientes: A Freixa, Diarios de mañán, Pompa e Circunstancia IV, Danubio Azul y Puenteareas, más otros dos de propina, de cuyos títulos no me acuerdo.> Asina o artigo Dionisio Franco, que esta vez non fai máis comentario. Na páxina II do especial, aparece o programa, detallando: <Seguidamente, procesión, acompañada por la Banda Municipal de Ribadeo. Una vez finalizada la procesión, concierto de la Banda en el kiosko del campo de San Francisco>... <A las 8 de la tarde, nuevo concierto de la Banda Municipal en el Campo de San Francisco>. O artigo de Hernán na XV do especial fai referencia a diversas actuacións en Ribadeo, en particular ós concertos de Jazz e da Orquestra Sinfónica de Galiza, sen esquecer unhas liñas relacionadas á banda e ó seu próximo CD. O artigo tiña como título <Para unha memoria musical>. Unha memoria que tamén é débeda contraída e algún día haberá que retomar en relación coa súa persoa. Tamén aparece neste número (pax.3) unha noticia sobre a celebración dos cincuenta anos da creación da antiga banda da Sociedade Filantrópico-Dramática, que desapareceu en 1955, deixando a Ribadeo sen banda trinta e sete anos despois de ter existido once. Como curiosidade, dáse noticia entre os actos da celebración, dunha misa cantada por Charo e Elisa Rodríguez Costoya, Beatriz Lombao Gómez e Priscila Navarret Rodríguez, acompañadas ó órgano por Helena López Sampedro. As catro cantantes eran músicas da nova banda, e algunha delas segue a selo. O ano 95 o semanario xa tiña a competencia dos suplementos para A Mariña de <La Voz de Galicia> e <El Progreso>, co que as noticias sobre a banda multiplícanse. De calquera xeito, aparece como noticia nos números 3940 de dous de setembro, e tamén no 3941 e 3942. O dous de setembro publícase o programa, no que aparecen reflectidas as dúas actuacións xa clásicas e a procesión. O nove de setembro aparece un número especial da Comarca, sen separata para as festas como o ano anterior. Asinado por Dionisio Franco pode verse escrito (referíndose ós actos do día oito, claro): <A continuación salió la procesión, que recorrió el itinerario de costumbre, acompañada por la Banda Municipal de Música>. <Recogida la procesión, la banda ofreció un extraordinario concierto, bajo la batuta de su eficiente director el destacado Maestro-Compositor, Hernán Naval Parapar, concierto que volvió a repetirse, pero con distintas obras, a las 8 de la tarde>. Chama a atención que non fala do I Festival de Bandas de Música, a celebrar o mesmo día da publicación. Esta omisión vese obviada pola adicación de toda a páxina dezaséis (exceptuada unha tira de anuncios) a un artigo en galego e sen firma detallando o programa a máis do historial de cada unha das tres bandas participantes. Este artigo comezaba dando noticia de lugar e hora (sete da tarde, Praza de Abaixo) e petición de silencio. É de notar esta petición, pois sabido é o seguimento en silencio dos concertos en recinto cerrado en Ribadeo, pero na mesma nota explicase que nos daquela recentes concertos de agosto no campo de San Francisco non se gardara a compostura debida, e estábase a recibir a bandas foráneas dentro da celebración dun festival que segue ata os nosos días. Por contra á postura manifestada no número anterior, o dezaséis de setembro Dionisio refírese na primeira plana ó festival celebrado o día 9, ó que lle adica dezaséis liñas, destacando a asistencia das bandas de Beniaján e Xinzo, a parte da organización de Amadores da Música e colaboracións do Concello, Depuración e Caixa Galicia. Na páxina 4, tamén firmado por el aparece outro artigo adicado só ó festival, que cualifica de éxito e con multitudinaria asistencia de público. Nel da noticia, entre outras cousas, da instalación do palco, do pasarúas das bandas, da presentación por parte de Carmen Cruzado (<Castaño> no artigo), das palabras do Alcalde de Beniaján ou dos agasallos entregados por Ani, a tesoureira de Amadores da Música naquel momento, e o Concelleiro de Cultura, Manuel Valín. Remata o extenso artigo dicindo <Resulta harto difícil para el informador condensar en un par de folios la grandiosidad del evento y la brillante jornada que Ribadeo vivió con el mismo, por lo que habrá que volver a ocuparse del mismo en fecha próxima>. Só para complementar, dicir que as edicións de <El Progreso> e <La Voz de Galicia> do 6 de setembro incluían especiais de Ribadeo, e neles, referencias á banda. O Progreso falaba da pretensión que tiña naquel entón de converterse en sinfónica, do festival do sábado, dos seus 55 músicos (5 adultos)... A Voz, no seu especial, dentro dun apartado adicado a sociedades, citaba algúns dos termos anteriores. Esta información completouse o día oito nos dous rotativos cun breve coa noticia do festival do día seguinte na Voz e coas actuacións do mesmo día no Progreso. Mentras as anteriores noticias eran impresas, os programas e o son ían formando o auditorio, compenetrando coa súa banda baixo a batuta de Hernán. Días antes das actuacións na patroa do ano 95 a banda cumprimentara a número cen, tras actuar en lugares como Barcelona ou Madrid, e estaba preparando a viaxe a Lisboa e o seu primeiro CD. Dende entón, a banda é asidua ás festas, e os festeiros á banda, como pode verse polo feito de que a expectación só se ve limitada polo espacio de actuación. Tamén dende entón, a banda seguiu a facer a súa historia da man de Hernán, ata o pasado maio. Esa historia concidiu coa das festas puntualmente cada un dos días grandes. Este ano, volverá a coincidir. Non se gritará ¡Presente! como noutras épocas se facía, pero tamén estará presente Hernán na música e nos corazóns. Antonio Gregorio Montes