As mascariñas, esas proteccións que viñeron para quedarse longo tempo, seguen a estar no centro da xestión da pandemia. Deixo a un lado neste post o inicial menosprezo da súa valía, (para min ligado a) a súa falta nas primeiras semanas de estado de alarma e cousas semellantes. Centrémonos na lóxica dos datos.
Seguen a circular por internet diversos gráficos que en troques de centrarse no esencial, fan un fraco favor tentando poñer números, porcentaxes como argumento de respaldo do uso das mascariñas.
Construín eu mesmo un remedo que sirve como imaxe das que se presentan para a defensa do uso das mascariñas, para poder comentalas:
Trátase dun esquema no que unha persoa, da esquerda, estaría infectada, mentres que outra, a da dereira, non o estaría. Simularíanse catro tipos de achegamento (si, ese que hai que tentar evitar-:
– sen máscara ningunha das dúas,
– con máscara (cirúrxica, é dicir, a máis sinxela, aínda que non soe estar especificado nas imaxes) a persoa sen infectar,
– con máscara (cirúrxica, de novo) a persoa infectada, e
– con máscara (sempre, cirúrxica) ambas.
O de que a máscara sexa cirúrxica ten un sentido: é a máis sinxela, e sirve para protexer non a quen a usa, senón á ‘persoa coa que está’, e a única que pode ser máis ou menos made in feita na casa polos materiais e manufactura, a máis difundida, etc.
O que di o esquema é que, en determinadas circunstancias, sen protección, a posibilidade de contaxio é do 95 %. Se usa unha mascariña así só a persoa sa, do 70 %. Se a usa a contaxiada, do 5 %. E se a usan ambas persoas, o 1,5 %. As porcentaxes están collidas dun diagrama dos que están a espallarse, e son falsos. Outros diagramas especifican outras porcentaxes, e tamén son falsas. A razón é que o entorno de contaxio non depende só das mascariñas -por exemplo, depende da distancia-, logo aplicar unha porcentaxe concreta non é máis cun exercicio de fe. A máis, fixémonos nesta conta:
A protección de ambas mascariñas non pode exceder á protección dunha aplicada despois da outra, como é facilmente comprensible. Ben, pois se multiplicamos as porcentaxes dadas no esquema, saen 70/100 * 5/100 = 3,5/100 , ou sexa, o uso das dúas mascariñas non reduciría a ‘porcentaxe de casos de contaxio’ ó 1,5 %, senón ó 3,5 %
Dito todo isto, coido que como se soe dicir, importa un carallo. Por que? Pois porque calquera protección axuda. E se ambas persoas se protexen, a protección aumenta: estanse a axudar de xeito mutuo. E iso é o importante, non que teñamos unha ou outra porcentaxe lixeiramente maior ou menor, variable polo demáis, segundo as circunstancias concretas.
E non, non hai protección ó 100 % a non ser que asumamos uns custes (non só de cartos, senón de tempo, e de vida) inasumibles. E tampouco ven a conto que teñamos a mascariña as 24 horas do día. Mais, sabendo que podemos protexernos mellor dun xeito sinxelo (e protexer ós demáis é tamén protexernos nós mesmos, por algo vivimos en sociedade), por que non facelo?