Forza nun primeiro de maio pandémico |
Chegamos ó primeiro día de maio, e seguimos aplaudindo. Parece evidente que a situación dos aplausos cambiará xa a partir de mañá, pois ás oito da tarde poderase saír a pasear. Mañá, 2 de maio, día asociado na historiografía española a un levantamento popular. Mentres, hoxe, 1 de maio, é o día do traballo. Segundo a fonte que se mire, ‘día internacional do traballo’, ‘día internacional dos traballadores‘, ou sinxelamente, ‘festividade do 1º de maio’. Un día para aplaudir con máis forza aínda ó conxunto de traballadores e traballadoras que nos manteñen vivos, formemos ou non partre ‘deles’. Non só en época de pandemia, senón calquera día, pois calquera día a sociedade humana necesita funcionar para que cada un de nós podamos movernos como humanos.
Coido que é así como se debe ver o tema dos aplausos. Aplausos que xurdiron como apoio ó persoal sanitario visto nun primeiro momento como aquelas persoas das que dependíamos. E aplausos que eles mesmos viron dende ese primeiro momento como algo que non debera ser substitutivo do apoio económico á infrastrutura sanitaria que leva vistos demasiados recortes xa, nin tampouco dunhas condicións de traballo dignas, que deben incluír o non ser despedidos e contratados case -ou sen case- por horas mesmo en tempo de pandemia. E aplausos que logo foron reclamados por outros colectivos de traballadores, con máis ou menos acerto ou/e intensidade, e incluídos ou non por cada un dos aplaudintes no seu corazón e na súa cabeza.
En canto á tanda de aplausos, cando comezou apunteime, pero tamén comecei a pensar cal sería a traxectoria previsible: ir medrando, pasar por un máximo e caer. E como se iría transformando a mentalidade da xente en relación ós aplausos: apoio furibundo pro supervivencia, e logo, matices varios, pouso calmado e evento social, a modo dunha misa pandémica. Ou mesmo como variaría a intensidade, duración ou acompañamento con música, que variou abondo co tempo. E aínda, a posibilidade de asociar o tempo de aplauso a unha ximnasia de brazos ou a facer un ritmo musical: ó fin, 500 aplausos que contei dunha tanda, dan para moito. O tempo foi contrastando os meus pensamentos. Aínda que a zona non ten moitas vivendas habitadas esta tempada, e polo tanto non fai fe a nivel xeral, vin medrar primeiro e logo caer tamén lixeiramente a participación. E notei como se convertía nunha cuestión social de veciñanza.
O que non prevín foi algo externo, o ataque directo ós aplausos que algún grupo ten pedido nas redes sociais e que nas grandes vilas parece que causou problemas ó contrarestar algúns aplausos con ruidosas, aínda que minoritarias, caceroladas. Nin tampouco se me pasou pola cabeza o contraste entre aplausos e rexeitamento dentro dalgunha comunidade de veciños (moi poucas, pero moi visibilizadas por efecto viral) a persoal sanitario ou de supermercado por ser posible vector de contaxio, presumindo a infección e inxección vírica no entorno. Algo nun sentido imaxinario e como mínimo éticamente dubidoso, asociado quizais de xeito lonxano nalgunha mente a “todos producimos merda, pero ninguén quere o vertedoiro á beira da súa casa”.
Houbo outra cousa que tamén pensei: que o apoio centrado no persoal sanitario non tiña moitos visos de convertirse de xeito rápido nun apoio ‘contante e soante’ ó servizo público da sanidade, nin tampouco á xente que o leva adiante. Outra cousa é que vaia quedando un pouso que facilite a recuperación da sanidade pública e a dignificación práctica de quen a traballa. Algo a confirmar.
Ben, ó fin, van ter a apariencia de ganar queres queren que desaparezan os aplausos. Pero que quede claro que non é por eles, senón porque volve a normalidade. Unha certa nova normalidade ou anormalidade continuada, xa iremos xulgando. Como tamén veremos se os aplausos contribuíron a facer unha normalidade mellor.
Mentres, lembrar que aplaudimos por e para algo, e que o primeiro de maio devolve ós nosos pensamentos algo non seguro, senón a conseguir todos os días. Con iso, festa dobre: imos saíndo da pandemia e seguimos loitando por un mundo mellor.