De cando o ‘contramercado’ de Castropol |
Leva moito tempo desenvolver a confianza, a máis de construír a estrutura que se monta (fixa ou periódica), afianzar a costume… dun mercado como o de Ribadeo. Sexa ‘a praza’, no seu edificio, de apertura diaria, etc, ou sexa o mercado dos mércores ou dos domingos. En moitos sentidos, o anterior é extensible a todo pequeno negocio, independente das cadeas de alimentación, roupa… e das grandes superficies. Os outros, os ‘grandes’, sinxelamente teñen outros recursos e desafíos.
A estas alturas da pandemia, podemos falar en pasado: Os mércores a xente baixaba das aldeas ó mercado, a do pobo facía por pasar por alí… e tiña un ritual. Non era só o compra / vende, senón tomar un café ou o viño cos coñecidos, charlar, e un pouco si, tamén, facer os intercambios para os productos básicos ou de antoxo, e vender os productos propios de moita xente.
Ben, parte do anterior foise perdendo, pouco a pouco, este mes de reclusión. Nunha xente máis, noutra, menos, e en todos, coa esperanza da recuperación dos ‘usos e costumes’ vistos con cariño ou como necesidade. Algo, a recuperación, que non está asegurado coas mesmas pautas que antes. Polo momento, quedan, pensndo nos mércores e os domingos de verán, unhas poucas ou moitas lembranzas -de xeito máis aparente para os compradores do pobo, máis real para outra xente-.
Agora, interrompeuse a cadea. Non só os agricultores se ven afectados, senón tamén os ambulantes dos mércores, outra ‘categoría’ de asistentes. E non importa que aínda nos podamos lembrar da ‘guerra de mercados’ propiciada con Castropol a conta da variación da contabilidade do terreo ocupado polos ambulantes por parte do concello de Ribadeo, hai cousa de dez anos.
Interrupción non só de pronto, senón da costume de mercar os mércores ou visitar mercado que practica a xente do pobo.
Iniciativas de achegar ós labregos os consumidores tentan paliar o desastre da interrupción de contactos. Coido teñen un éxito limitado, pero é de esperar -sería o axeitado- que perduren e vaian perfeccionándose para ofrecer unha rede mellor e máis resiliente ós produtos de proximidade, e con iso, á xente de toda a contorna. Non só nestes primeiros tempos de pandemia, senón de cara ó futuro.
Mentres, o desexo é que en Madrid, esa afastada capital para nós, aprendan que nun illamento as normas non poden ser igual para Covelas que para Lavapiés. Non sei se aprenderán, pero é necesario que o fagan.
E, de cara ó futuro, a mentalidade: non haberá retorno á normalidade, senón paso a outra cousa. ‘Cousa’ que aínda temos que crear, a nova normalidade.