Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Anticípate á recuperación


A última persoa que vin na rúa o sábado pola mañá cedo, antes de non volver saír pola corentena, foi un mendigo. A confusión de sentementos que experimentei é difícil de transmitir.

Comezo a escribir isto no día en que se ten proclamado o “estado ‘de alarma’” en España, despois de tres días de pandemia oficial ou da alarma anterior de moita xente e antes de que remate a irresponsabilidade de outra. Nestes momentos, España xa é o cuarto país en mortes, e escala rapidamente para selo tamén en afectados. Os países que cadran por riba na táboa teñen todos máis poboación. E tiveron menos tempo para prepararse.

Pasou a noite. Mentres, xa teño visto vídeos dalgunhas zonas coa xente nas terrazas ateigadas despois de que se promulgara a alarma e antes de que comezara actuar a policía. E, en Ribadeo, unha recén chegada do sur dicindo cousas como ‘Onte fíxenme o recorrido dende Sevilla e non vin Guardia civil ningunha. E alí non hai este temor…’ E, despois, teño pensado que actuei mal: debera terlle dito á tal señora algo para tentar concienciala. Lograría algo? Pode que só contribuíra. Así, só logrei que a dependenta tivera que aguantala a continuación.

Que España é o país onde agora mesmo a curva de medre da pandemia é máis inclinada? Pois si, porque de momento, España somos todos. Os que quedamos na casa, quenes teñen que saír traballar con máis ou menos exposición, e os irresponsables.

Pasou o día. Oigo limpar as rúas, e mentres, chéganme novas de multas por saír correr. Parece un pouco de improvisación, con perruquerías que abririrían, pero logo, non. E penso que isto se podería ter levado moito mellor. Pero tamén que a mesma improvisación e adaptación que estamos a ter e sufrir cada un de nós reprodúcese a outros niveis e escalas. Que non debera? … pois sempre hai algúns que o levamos mellor (iso penso), e outros, peor, pero todos cometemos fallos. Algúns, ‘para darnos de tortas nós mesmos’, pero soemos ser máis indulxentes connosco que con outros, sobre todo que con aqueles que sabemos que nos caen máis desmán, máis ‘lonxe’ ou máis impotentes.

Hai xa tres semanas que publiquei ‘coronavirus en eleccións’. Sigo a pensar o mesmo, aínda que a gravidade da situación é maior do que esperaba por estas datas. E mentres, a vida transcorre e de aquí ata que remate a corentena seguro que para todos van cambiar cousas. Para algúns, moitas, ata a morte. Para outros, menos. Seguiremos a ver inxusticias na recuperación, pero de aquí aló imos ter algo de tempo para cavilar sobre a nosa vida, as bondades de ter unha sociedade forte ou un sistema comunitario de servizos e máis, incluídos os chanchullos na Casa Real. Con calma.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *