Faye White. Collido de Wufong en https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Faye_White.jpg, lic. Creative Commons recoñecemento compartir igual xenérico 2.5 |
E iso? Pode que haxa que especificar máis…
Como xa teño mencionado algunha vez, quen impón a noticia a tratar está adiantándose mesmo ás posibles manipulacións da noticia, está mesmo ‘impoñendo o futuro’. De aí que no blog, dende hai moito tempo, non me deixe levar moitas veces polas novas do momento, de Ribadeo ou xerais, senón que siga outros criterios, collendo novas que teño aparcadas para o seu tratamento en momentos a contracorrente. Momentos como este no que a liña principal de novas machaca sobre as eleccións a celebrar aínda dentro de tempo abondo, trufadas polo proceso á cúpula política de Cataluña e, no tocante a Ribadeo, algunha puntual directamente relacionada. Non, esta é unha nova de hoxe, senón de hai uns días pero imbricada nun sistema moito máis profundo en extensión espacial e duración temporal: a igualdade da muller.
O caso é que o outro día apareceu nun xornal (que non soe verse por Ribadeo) unha nova que, resumindo, viña a dicir que 60 000 espectadores dun partido de fútbol feminino entre dous equipos punteiros, de Madrid e Barcelona, eran non só unha marca para o deporte feminino senón que en certo xeito implicaban a equiparación de sexos no deporte. Máis abaixo, fóra dos títulos, quedaban claras varias cousas, como que parte das entradas foran de agasallo e que o resto tiveran un custe para os espectadores de 5 ou 10 euros. Coido que esas cantidades non son equiparables cos correspondentes importes para o fútbol masculino.
Un detalle importante é que non comentaban nada sobre os emolumentos das xogadoras: coido que aí tampouco hai equiparación polo momento. E máis cousas que non se din é que o fútbol segue a ser en boa parte un ideal quizais a non seguir para os equipos femininos, segundo o que se procure. Porque, que ten que ver a ‘alta competición futbolística’ co deporte? Si, algo si… pero eu meteríao máis no apartado empresa ou cartos que no de deporte. E, se a idea que se persegue para o fútbol feminino é a mesma de negocio e ‘panem et circenses’ que dirían os romanos, non sei se lles valerá a pena (salvo quizáis ás multimillonarias agraciadas)
Por certo, hoxe foi galaradoada por primeira vez unha muller co premio Abel, o Nobel das matemáticas…