Lembroume onte o meu amigo Antonio Andina que hoxe, 13 de marzo, a web cumpre anos. E rescatei un vello artigo, ‘O comezo da historia de Ribadeo en internet‘, onde queda dito que ámbolos dous puxemos o noso gran de area nesa historia.
Claro, o que se celebra hoxe, día 13 de marzo, é unha proposta que daría pé ó protocolo que levou á rede a onde está hoxe, despois de aceptar polo camiño melloras múltiples na infrastrutura e na programación.
Ven isto a conto de dúas cousas (principalmente). Unha, que ‘a rede’, ‘a web’ ou como queramos chamalo (de xeito estrito son cousas lixeiramente diferentes) é algo que se foi facendo evolucionando, e non se pode dicir con total propiedade que nacera o 13 de marzo de 1989. Mais os humanos somos así, e necesitamos asentar as cousas e simplificalas, asignarlles algo concreto -sexa un nome, unha partida de nacemento…- para poder tratar con elas de xeito máis natural. Cos seus efectos perversos: iso inclúe o levantar as persoas que están no punto xusto no momento adecuado e deixar sen recoñecemento a outras moitas que fixeron posible ese momento e lugar ou o seu aproveitamento. Algo que se engade a outros sesgos e que fai o recoñecemento no momento e a historia humana en conxunto, ás veces algo moi inxusto.
A outra, que é evidente que calquera que fora a nosa actuación, de non existir nós, ‘a’ e ‘as’ web terían chegado de modo parello a Ribadeo, cunha evolución presumiblemente non moi diferente á observada. Unha evolución que, mirada en conxunto, sen particularismos, sempre é nebulosa: hoxe, Google, o buscador usado pola maioría da xente, da 5 370 000 entradas se se lle pregunta por Ribadeo. Pero non se pode fiar un diso: se procuro por min mesmo, aparecen máis de 12 millóns de resultados por diversas circunstancias, aínda que sexa evidente que as referencias a Ribadeo en internet sexan abondo máis que as referidas á miña persoa. Na web as cousas poden ser moi diferentes do que parece a ollo nu mirando unha rúa ou unha leira. E iso da lugar ás ‘fake news‘, as noticias falsas, mesmo en Ribadeo, aínda que por ser nun espazo máis reducido sexan tamén máis doadas de identificar.
Volvendo ó tema, dende as primeiras páxinas web ribadenses, aló por 1996, internet ten cambiado de múltiples xeitos a Ribadeo. Tantos, que fai posible ese termo, ‘difuso’, que mencionei antes sobre todo pola dificultade de atopar os límites desa incidencia no cambio. Ó contrario, Ribadeo non ten cambiado a internet, e se hoxe voltara a haber algo como o ‘plan E‘, a bó seguro o acento da petición das subvencións sería aínda en cemento ou semellante.