Co funcionamento actual da protección social cando non ataca ós intereses do poder nin necesita inversión, entraba dentro da lóxica que chegara o que está a pasar: as Catedrais, cerradas. Si, non están cerradas de todos, senón o cantil e algunha cova. Pero non o están por protección da natureza nin dos humanos (aínda que poda parecelo), senón para evitar problemas á administración. Por outra banda, a asociación de comerciantes aínda pedía esta mesma semana máis pases, esta vez para restaurantes, e agora advirte sobre os efectos para o verán. Tampouco neste caso a protección da natureza nin dos humanos parece ser o obxectivo, senón a economía dos establecementos ribadenses. O concello amosa preocupación nun tema, o das Catedrais, no que pedía protagonismo hai non moito tempo. No pobo, cada quen, dun xeito máis calado un máis vocingleiro, da a súa receita. E, mentres, os papeis dos estudos feitos tarde, coa interpretación político-económica que conviu e aínda sen aplicar en parte, parecen ser ignorados ante a premura dun feito que é tratado implícitamente neles, pero só dese xeito, implícito.
Houbo algún debate serio sobre as catedrais? Si, presentouse o estudo do plan especial, pero o mero feito de non terse presentado alegacións coido que xa indica algo. E, mentres, xa temos o problema aquí.
Nun aparte, dicir que persoalmente coido que o permitir o paso de miles de persoas é unha desprotección, e o cerrar as covas unha sobreprotección. No primeiro caso, desprotección da natureza. No segundo, sobreprotección da administración. As Catedrais non son a Gran Vía madrileña, coido que está claro. E permitir o paso dunha morea de xente non protexe o cantil, así como o peche dalgunha cova do cantil non protexe á xente que se mete noutra cova. Pero, a medida xa está tomada (de xeito provisorio, aínda antes de que sexa permitido) e o debate segue sen darse.