Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Comezan as obras na r/San Roque


Onte comezaron os traballos de remodelación da primeira parte da rúa San Roque. A nota do concello:

OS PREPARATIVOS XA SE PODEN VER HOXE

Obras en San Roque

26/04/2018

O Concello inicia mañá as obras de remodelación da rúa San Roque. Os traballos, que se prolongarán ata os primeiros días do mes de xullo, supoñen un investimento de 450 000 euros procedentes de fondos propios. O primeiro tramo que se fará será o comprendido entre a capela de San Roque e a rúa Vilalba. Xa despois do verán as obras chegarán ao treito que entre a rúa Vilalba e Picarolas. O alcalde, Fernando Suárez, pide desculpas polas molestias que se poidan ocasionar e subliña que haberá modificacións no tráfico rodado durante as vindeiras semanas.

O rexedor anunciou que “despois dun longo trámite de licitación administrativa e de complexa tramitación burocrática, por fin mañá van dar comezo as obras da rúa de San Roque. Son obras de acondicionamento, de humanización, de mellora, de embelecemento, que nun importe de 450 000 euros, sufragados integramente con fondos propios, con fondos do Concello, van dotar dun novo pavimento tanto a calzada como a beirarrúa. Vaise aproveitar para substituír e modernizar todas estas acometidas, estas instalacións soterradas, que xa existen, pluviais, abastecemento, saneamento, subministro eléctrico, telefonía, etc…, e tamén imos aproveitar para colocar nova iluminación, novo mobiliario urbano, árbores e eliminación tamén de barreiras arquitectónicas”.

Suárez Barcia explicou que “como é unha obra complexa, que afecta a un tramo importante do ámbito de Ribadeo tanto para a circulación de vehículos como ao tránsito de persoas, habémola facer en dúas fases. A primeira delas empezará mañá e imos actuar entre o treito que vai da capela de San Roque ata o encontro coa rúa Vilalba. Isto terá que estar rematado a principios de xullo, preparado para o Ribadeo Indiano. E despois do verán continuaremos co resto do treito ata chegar ao encontro coa rúa Picarolas”.

O alcalde ribadense dixo que “estas obras supoñen unha aposta decidida pola humanización desta área, un espazo dos máis singulares como é a rúa de San Roque con esa arquitectura indiana e colonial, tan atractiva para Ribadeo. Como sempre que se levan a cabo obras no casco urbano seguro que ao facelas de xeito inevitable, por máis que o intentemos, habemos ocasionar incomodidades e molestias para os veciños e para os que teñen negocios, pero estou seguro que saberán comprender porque á volta de pouco tempo estarán vivindo ou terán os seus negocios nun dos mellores espazos públicos da nosa vila”.

Fernando Suárez engadiu que “durante estes meses de obras, aínda que o acceso peonil tanto ás vivendas como aos locais comerciais queda sempre garantido, non vai ser así para o tráfico rodado. Polo tanto para organizar durante este tempo o tráfico, dado que a rúa San Roque é un enlace importante para comunicar unha parte con outra da vila, imos instalar unha serie de sinais informativas dos percorridos alternativos para a mobilidade do tráfico urbano”.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *