Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Sanidade, tren, estrada… que máis?


De xeito contínuo na prensa nos bombardea con novas de todo tipo. entre elas, están as novas da zona, que máis aló de incidencias concretas, ofrecen unha visón local de fenómenos a maior escala. Hoxe mesmo pódese ver a referencia á perda de autonomía e servizos, xunto con listas de espera longas e truculentas no hospital / na sanidade da zona, o abandono evidente e crecente do ferrocarril ou a desidia do trato da estrada da costa, N-642, con baches que medran e medran.

Máis? Deterioro do público en dous sentidos literais: do que é público e dos que somos público,algo que non soe saír nos papeis pero que está detrás unha falta de loita tamén en aumento pau tras pau recibido na defensa do que é de todos e ás veces se esquece que é así.

Se se protesta non é porque estan mal as cousas, senón porque hai un dereito previo ó ser as cousas comúns, de todos, e ‘público’ significar que ‘iso’, o de todos, está xestionado por entidades que deben render contas a todos. Coido que é algo do que temos conciencia adormilada e que ás veces, quen protesta non o ten interiorizado, senón que quere conseguir o obxectivo marcado como ‘seu’, non de todos, e quen ve dende a barreira non considera, senón que achaca a petición a un mal entendemento de cada un dos peticionarios do que é ‘o del’.

Mentres, así seguiremos. Na Mariña, como noutros lugares da xeografía española. Máis na periferia, por ser menos vista e con menos influencia dende o centro, pero tamén ‘no centro’, onde por ter máis recursos individuais o público visibilízase menos.

A concentración pola sanidade de onte, no centro de saúde ribadense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *