O canapés chaman a atención. Máis ós que chegan de fóra de Ribadeo que ós propios, Hai tempo adiquei un par de entradas á zona. A primeira, aló polo 2013, relacionada coas obras do parque infantil que hoxe segue na zona, e onde se podían ver en foto aerea as estruturas dos canapés. A segunda, na primavera do ano pasado, ‘o combate dos canapés‘, facía un resumo histórico e daba conta do estado de conservación.
Agora, ano e medio despois, o concello saca unha nota na que da conta do comezo das obras para adecentar e facer mantemento da zona, incluíndo canapés e Avda. de América, ata a gasolinera:
”
O INVESTIMENTO ASCENDE A 12.000 EUROS
Obras nos Canapés
04/12/2017
Hoxe comezaron as obras de arranxo dos bancos dos Canapés, na zona do Xardín, e dun treito das beirarrúas das vivendas Francisco Iglesias. A actuación nesa zona contempla tamén a plantación de árbores na Avenida de América, entre a rúa Francisco Lanza e a gasolineira.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez, anunciou que “no día de hoxe estamos dando comezo a unhas pequenas, pero importantes, obras de humanización no entorno da entrada da vila como é o barrio do Xardín, concretamente como é a Avenida de América”.
O rexedor explicou que “imos facer varias actuacións, unha delas vai ser o remozado e a mellora dos Canapés, destes bancos tan singulares deste barrio que levan tantos anos aí, e que lles imos dar unha mellora coa eliminación de varias fendas que teñen e un pintado de todos eles, dado que están sendo moi utilizados desde sempre, especialmente por xente maior que nas tardes de sol acode alí con moita frecuencia”.
Fernando Suárez engadiu que “imos cambiar a pavimentación da beirarrúa diante das vivendas das casas baratas, concretamente na Avenida de América, que era un treito que faltaba por cambiar, que está moi deteriorado e que o día menos pensado temos algún problema con algunha caída porque está totalmente rota e desde hai decenios non se lle toca”.
O alcalde dixo que “tamén continuaremos coa plantación de árbores na parte da Avenida de América que non os ten, entre a rúa Francisco Lanza e a gasolineira de O Xardín. Estas pequenas actuacións véñense sumar ás que levamos facendo no grupo Francisco Iglesias e no nese entorno desde hai unhas poucas semanas, e tamén van ser continuadas, a principios xa do ano que ven, con esta importante actuación da humanización da Avenida da Ría de Ribadeo, entre a gasolineira de O Xardín e a rotonda de Dompiñor”.
Suárez Barcia manifestou que “son unha serie de obras, neste caso con fondos propios e un orzamento de 12.000 euros e un prazo dun mes aproximadamente, pero que van ser o prólogo destas outras que a inicios do ano que ven faremos en toda esta avenida da Ría de Ribadeo”.
”
O anterior vai acompañado cunha foto tomada dende a rúa que circunda o grupo Francisco Iglesias:
Quédame unha dúbida: a eliminación da fenda nos canapés (visible perfectamente nas referencias do ano pasado) supoñerá a eliminación da árbore? Porque, en caso contrario, a fenda voltará a medrar.
A referencia que se fai a obras o próximo ano foi tratada no orzamento presentado o pleno pasado, no que se falou dunha adicación de 600 000 € para obras en infrastruturas, incluíndo estas da Avda. de América, da que se pretende ‘unha reforma integral’ e incluír un paso de peóns cara ó Vilar, coa axuda da Deputación, e o arranxo da rúa San Roque, en dúas partes, unha dende a capela ata a rúa Vilalba e outra segunda ata a capela da Virxe do Camiño (e que xa mereceu unha nota do concello).
Deixo a continuación sucesivamente un plano de openstreetmap, unha foto aérea de sigpac mapa, un plano de Google e dúas fotos (canapé sur arriba e norte abaixo) de Google Street View, todos documentos collidos hoxe de internet: