Como se nun partido de fútbol se tratara. Con esa tranquilidade e como se esa fora a consecuencia, a Mariña está a perder o partido coa área sanitaria. Agora, lévanse os historiais médicos en papel a Lugo. Sen dixitalizalos na súa totalidade. Algún haberá que traer de Lugo para algunha consulta… sempre será preferible a levar o paciente a Lugo, non? A Mariña está cada vez máis dependente, e iso non é bó.
A semana pasada, Feijoo dicía nos Foros de Debate en Ribadeo (segundo os xornais), ó ser preguntado sobre a sanidade na nosa comarca «Me remito aos feitos», en alusión á ampliación do hospital, prometida hai máis dunha década e só executada en parte despois de dar servizo mesmo en contedores. Por certo, as obras de ampliación son a desculpa para o traslado de expedientes: vai usarse o espazo para outra cousa, tendo como consecuencia algo non previsto hai unha década. E por certo, que casualidade, os datos persoais dos pacientes van ser xestionados -en Lugo- por unha empresa privada. Ou sexa, non só dependencia, senón un pouquiño máis de privatización. A remisión ós feitos está clara: cada vez menos autonomía, menos servizo público e máis privado, máis dependencia de Lugo e non só levando médicos de Burela, senón levando enfermos a Lugo. Mentres, a dixitalización total será ‘o próximo ano’ en caso de que se faga, pois non sería a primeira promesa de gardar historial que non se cumpriu: aí está a destrución de placas pese á promesa de dixitalización.
E o persoal? ‘A outra cousa, bolboreta’!, e menos ampliación para as novas necesidades despois da ‘ampliación’.
Mentres, séguese a protestar pola centralización sanitaria en Lugo todos os mércores ás 12 da mañá no centro de saúde de Ribadeo, entre outros puntos.
| Protesta no Centro de Saúde de Ribadeo, este mércores |
Pódense alegar motivos de eficiencia (‘rendemento dunha labor’, como se fai, sexa ou non certo), pero non de eficacia (‘que en conxunto, da o resultado esperado’ aínda que se tente confundir as verbas e mesmo nos dicionarios xeralistas se faga) e menos aínda de consideración humana do servizo. “Non á supresión da área sanitaria da Mariña“.
