Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Razoando sobre FEVE


30 de maio. Falta 1 día para que expire o convenio AlcoaFeve para transportar 5 días á semana unhas 80 000 toneladas de aluminio dende S. Cibrao a Amorebieta. O que ven representando uns 80 vagóns semanais, ou, alternativamente, podería supoñer uns 150 camións semanais.

Certo, a estrada da Mariña xa está abondo conxestionada como para meterlle máis tráfico de xeito voluntario, pero botando contas, 300 camións diarios os días de semana non chegan nin de lonxe a unha media de dous camións cada hora… Coido que o razoamento debe ser outro, apoiado no maior custe por estrada, ou sinxelmanete, na contribución de este transporte tanto ó rendemento e futuro de Alcoa como de toda a Mariña.

Hai máis de cen anos, o ferrocarril Ribadeo – Vilaodrid dinamizou unha comarca enteira, que, anos despois de ver como se deixaba sen mantemento, esmorecer, tenta recuperalo na memoria e de xeito alternativo como vía verde. Francamente, estando totalmente de acordo e colaborando coa súa recuperación e aproveitamento, coido que non resiste comparación co seu uso inicial.

E, mentres se trata da recuperación do xa perdido, esmorece outro tren que leva tempo con falta de mantemento, ó que non se lle renovou material, pero ó que tampouco se puxo moito empeño para ter maquinistas, que foi deseñado cuns criterios nos que se mixturaba economía e defensa, pero que cada vez se podería aproveitar mellor polo desenvolvemento das vilas ó seu carón… Un tren que non é a panacea, pero que todos somos conscientes de que a súa perda significaría -está significando xa, pois estase a perder- un retroceso para A Mariña.

Está demostrado que o tren é un xeito con avantaxe en relación á estrada para un amplo rango de distancias, tanto en comodidade como en seguridade ou rendemento enerxético. Por suposto que ten asemade inconvintes: non podemos levalo da porta de casa ata a do ximnasio, 500 m máis aló… Pero quizáis o lembrar que a estrutura socioeconómica actual naceu parella co desenvolvemento do ferrocarril pode indicar algo. Ao menos, que deberamos ter argumentos para convencer a quenes manexan as infraestruturas do país para un apoio decidido. E que a unión de zonas moi diversas, de Ferrol a Xixón nunha fronte común beneficia a todos: unha fronte limitada ó tramo Ferrol – Viveiro como teñen anunciado varias novas ultimamente coido que é desperdiciar sostibilidade e hipotecar o mesmo futuro dentro deses límites.

Portada dun libro adicado ó tren mineiro.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *