Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero


Coido que nesta data o importante é darlle un impulso á concienciación. Por iso limítiome a secundar o anuncio dos actos previstos, que, polo concello son difundidos por unha nota de prensa do pasado mércores.

A máis, están previstos diversos actos, incluíndo no IES de Ribadeo
Dionisio Gamallo unha actuación  flash-mob que será gravada, e un túnel
negro no patio de columnas.

Asemade, téñense realizado durante a semana diversas outras
actividades de concienciación e divulgación, como vídeos nos que
agrupacións de mulleres ían lendo e rachando tarxetóns negros con verbas
alusivas á violencia de xénero, ou diversas fotografías colgadas na rede a xeito individual, seguindo a campaña ‘ribadeo en negro’.

A todo o anterior vense xuntar como influenza o recente premio do Observatorio da Mariña pola igualdade.

A nota do concello:

ÁRBORES E FAROLAS TINGUÍRONSE DE LOITO ESTES DÍAS

Actos do 25N

23/11/2016

O parque de San Francisco será escenario o vindeiro venres, 25 de novembro, dos actos programados polo Concello para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. Si chove trasládanse ao pavillón de deportes pequeno.

Ás 12 da mañá dará comezo a xornada cunha actuación musical e cunha performance a cargo da EMMeD de Ribadeo. Despois intervirán Sandra Saavedra, do Centro de Día A Concordia; Paz Ramil, do Observatorio da Mariña pola Igualdade; así como alumnado dos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz. Gardarase a continuación un minuto de silencio polos 44 feminicidios rexistrados no Estado español no que vai deste ano e a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, lerá o manifesto conmemorativo. O acto concluirá cunha peza musical e un aplauso en memoria das vítimas desta lacra. Se o venres fixese mal tempo a cita trasladaríase ao pavillón de deportes pequeno.

Desde a Concellaría de Igualdade animan “á xente a sumarse a estes actos que haberá no parque o vindeiro venres. Queremos que os asistentes se vistan de negro, de loito… polas vítimas”. Na campaña Ribadeo en negro, que arrincaba o pasado venres, día 18, están a participar un cento de establecementos e locais comerciais da localidade.

Nos últimos días algúns árbores e farolas da vila tinguíronse de negro cun lazo por cada muller asasinada no 2016. Segundo explican desde a Concellaría de Igualdade “esta foi unha proposta que saíu do Consello municipal das Mulleres, da participación cidadá e que se estivo facendo contando coa colaboración de representantes do CMM e do Comité Lila”.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *