Onte houbo pleno en Ribadeo. Non puiden asistir, mais é deses que si ten difusión abonda. Estaba avisado na web con máis de 24 h de antelación, se ben non tivo anexada a convocatoria cun único punto na orde do día, e a bo seguro hoxe aparecerá a nota de desenvolvemento do pleno, que anexarei a outra entrada.
O pleno está relacionado co mantido o 26 de maio, con convocatoria recollida en ‘Difundindo o goberno de Ribadeo‘, e como di a nota do concello, é consecuencia dun “exceso de gasto” o ano pasado. Exceso de gasto que non significa
exceso de débeda, senón saírse de porcentaxes de axuste sobre anos
anteriores. Relacionado pois coas medidas de axuste esixidas pola troika
para o conxunto do estado e coa variación ad hoc da constitución sen
votación do pobo e pola vía rápida hai uns anos. Nese sentido, neste caso, e sen entrar en
detalles, coido que o exceso de gasto non significa máis que o saltarse
a normativa imposta para a austeridade nun lugar onde ademais as contas van cadrando.
A nota de prensa da convocatoria dicía:
“
O PLAN TERÁ UNHA VIXENCIA DE DOUS ANOS
Mañá, pleno extraordinario
25/10/2016
Mañá, mércores, haberá pleno extraordinario no
Concello para aprobar un plan económico financeiro derivado da
liquidación do orzamento xeral de 2015. O Concello deberá adoptar
medidas para non exceder a regra de gasto estipulada por lei. Ao
alcalde, Fernando Suárez, parécelle unha medida inxusta, xa que o
Concello dispón dun superávit de 1 300 000 euros e algunha partida
podería destinarse á mellora de determinados servizos públicos ou a
investimentos en obras.
O rexedor contou que “neste pleno extraordinario previsto para mañá,
mércores, soamente hai un único punto que é a aprobación do plan
económico financeiro derivado da liquidación do orzamento xeral de 2015.
É unha cuestión que soa moi rimbombante e realmente non é nada doutro
mundo e é máis é bastante inxusto para o Concello de Ribadeo”.
Suárez
Barcia explicou que “da liquidación do orzamento do ano pasado
incumprimos unha cuestión que está na lei desde hai tres anos,
incumprimos a regra de gasto no que recolle esta lei orgánica de
estabilidade orzamentaria, dado que do 2014 ao 2015 non debíamos superar
o 1,3% de gasto con relación ao ano anterior e finalmente fixémolo no
2% máis ou menos. Tivemos uns 172 000 euros máis de gasto que o que
debíamos e hai que ter en conta que é sobre un orzamento liquidado de
máis de 9 millóns de euros”. O alcalde subliñou: “pero quero dicir que
non o fixemos porque nos volvéramos tolos, senón porque usamos o
remanente de tesourería, usamos parte do fondo do superávit que ten o
Concello desde hai uns anos. E incorporamos crédito derivado dunha
herdanza dunha señora que morreu e quixo deixar unha parte da súa
herdanza ao Concello para que executáramos obras no hospital asilo como
así fixemos, e polo tanto este diñeiro, aproximadamente 90 000 euros,
non se puido deducir da regra de gasto ao non vir dunha administración
pública, senón dunha persoa física privada”.
Fernando Suárez
engadiu que “tamén usamos unha parte deste fondo de superávit para pagar
aos provedores que presentaron as súas facturas fora do prazo
establecido para iso, é dicir do exercicio 2014 presentáronas no ano
2015, non foi culpa do Concello senón deles por presentalas tarde. Neste
caso tivemos que recoñecer extraxudicialmente uns 80 000 euros e da
suma disto saen os 172 000 euros. Polo tanto debemos aprobar un plan
económico financeiro, que ten unha vixencia de dous anos, que recolla
medidas para volver estar nos límites de gastos que permite o
Ministerio. Como a situación económica do Concello é positiva, é dicir o
remanente de Tesourería é de máis de 1 300 000 euros, o resultado
orzamentario é positivo de todos estes últimos anos, a capacidade de
financiamento témola máis que de sobra, etc, e a única medida que se
estima que procede adoptar é a de declarar a non dispoñibilidade de
crédito, é dicir que non imos gastar 280 000 euros, o que por outra
parte é lóxico xa que este crédito que prevíamos para concluír as obras
da residencia logo afortunadamente veu de man deste novo convenio coa
Deputación Provincial de Lugo, porque coa a Xunta de Galicia aínda
estamos esperando ao día do xuízo final”.
O alcalde rematou a súa
explicación sinalando que “en definitiva esta é unha circunstancia
puntual e concreta que non é estrutural, e que ademais é inxusta porque
estas normativas que lles esixen aos Concellos non gastar de máis por
unha banda parecen lóxicas, pero tal como están reguladas non deben
impedir que cando hai unha xestión positiva, cando hai remanentes
positivos, cando os resultados orzamentarios son positivos, usemos
recursos para facer inversións ou para mellorar os servizos públicos. É
unha maneira tamén de maniatar aos Concellos que queren ser un pouco
rebeldes e que dentro da lei e con sentidiño queremos facer cousas,
parece que lles molesta que queiramos facer cousas”.
“