A evolución de voto en Ribadeo ten algunha curiosidades. Non atopei polo momento datos detallados de antes do 1993, mais coido que aínda así, e deixando aparte motivos e circunstancias, centrándonos só nos números.
O primeiro é a variación que case se pode considerar errática do censo, con subidas de preto do 5% dunha a outra elección (2001-2005) ou baixadas noutras (1993/1997 ou 2009/2012/2016)
A segunda, a variación de votos en branco e nulos, cun máximo destacado no 2012 que se apreza mellor no gráfico circular que representa porcentaxes (en azul) e unha caída nestas que nos retroleva ós anos 90.
A abstención mantívose relativamente constante dende os 90 ata o 2009, mais nas dúas últimas eleccións pegou un bote, sendo semellante en ambas.
A táboa presenta os datos de votos a cada partido sobre o total de censo, a diferencia de como soe presentar a prensa, sobre o número de votantes (esta versión póñoa, só %, embaixo de todo)
En canto ós partidos e coalicións, o PP presenta os datos máis estables: entre os 2396 votos de 2012 e os 2794 de 1997, que marcaron tamén os puntos extremos en porcentaxe. No gráfico final vese que despois de 14 anos, volve a superar o 50% dos votos destinados a partidos, aínda que baixe en número total de votos.
En canto ó PSOE, presenta primeiro un medre e logo unha redución, chegando ó punto máis baixo en votos e porcentaxe nestas votacións do 2016.
O BNG tamén marcou o mínimo, mais neste caso a caída é máis suave, case ininterrompida dende o comezo dos datos (1993) e se é máis pronunciada nas últimas eleccións, ó sumar os votos de AGE (2012) e En Marea (2016), observamos case unha horizontal, con pequenos altibaixos, e acadando o punto máis alto nestas eleccións de 2016. En canto a AGE e En Marea, nestas eleccións sobrepasou claramente os votos do BNG (nun trasvase evidente) e algún máis, que diría procedente do PSOE, despois de ter 2204 votos en conxunto no 2012 e no 2208 en 2016.
En canto a outras forzas políticas, despois de medrar fortemente (dentro da marxinalidade) no 2009, matéñense dende entón. Neste grupo quizáis o que máis chame a atención é a práctica desaparición nas urnas de CxG (ver a entrada de resultados da noite electoral)