Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Resume de catro anos: Feijoo Arrasa. Manual para o día despois


A parte resumida é dun titular da Voz. A introdución do título púxena eu como interpretación. A un arrase de catro anos correspóndelle outro arrase, de sentido ben diferente, nunhas votacións.

Necesitamos un ‘manual para o día despois’. A primeira tentación foi algo como:

1.Emigra.

2.Se non podes, Queda na casa dentro de catro anos.

3.Se non queres, pecha os ollos, vístete de azul e canta: ‘Corrupción, corrupción, corrupciooón, Co-rrup-ción!’ ó ritmo de ‘la roja’ co brazo en alto.

Mais sería inxusto. Para todos. O máis doado, quizáis si. E non é un mal consello o de emigrar se podes. De feito, xa o seguiron moitos galegos…

Mais a vida segue. É luns pola mañá e a vida, comezando a semana, non da tregua. Vaite ó máis inmediato, ó teu traballo, ás tuas preocupacións de hoxe, e reflexiona xa, fai músculo para pensar e vai poñendo en práctica o resultado desa reflexión, pouco a pouco mais dende xa, actuando ti en conxunto cos demais.

Non, o obxectivo non é ir contra o PP, senón actuar a favor de todos. E hai moitos xeitos de facelo, comezando por tentar facer o traballo ben, colaborando cos compañeiros e sorrindo a a quen se poña por diante; non cun sorriso bobalicón, senón porque son persoas e están nunha situación parella á túa. Continuando por non esquecer que corrupción rima con revolución, pero tampouco que hai moitos tipos de revolución, que é máis difícil xestionar o día despois que facer unha revolución, ou que a revolución comeza por un mesmo (e ó mellor, aínda non a comezaches).

O manual para o día despois está por escribir, mais algunhas liñas fundamentais son ben sabidas: O desánimo non ten lugar, o mesmo que non o ten a celebración irracional. Non, non todos os políticos son o mesmo aínda que sexan ‘os mesmos’ os que machacan que si, que son iguais. Tampouco todas as persoas somos iguais, mais a definición de ‘persoa mellor’ non é tan doada na práctica, aínda que podes estar seguro de que quen está pasivo en todas as situacións non chega a ser ‘persoa’ para poder ser ‘boa persoa’.

En fin, por hoxe teño que deixalo. verémonos. Mais non en catro anos, senón tódolos días…


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *