Entérome hoxe polo xornal que onte foi o acto de nomeamento de Eduardo Gutiérrez como cronista oficial. Remato de facer a actualización correspondente na súa entrada da Galipedia. Quixera ter estado presente, mais non me enterei, polo que non podo dar outras referencias da harla da súa recepción ou de calquera outro punto do desenvolvemento do acto.
Para paliar (un pouco) esa falta, deixo unha serie de ligazóns a entradas anteriores do blog:
Algúns dos artigos do blog que o mencionan
Ligazón á nova na páxina do concello e reprodución da mesma:
”
Cronista oficial de Ribadeo
23/07/2016
A Casa do Concello acolleu este mediodía o acto
de entrega do título de cronista oficial de Ribadeo a Eduardo Gutiérrez
Fernández, acordo adoptado o pasado 30 de maio en pleno por unanimidade
de todos os membros da Corporación Municipal. Acto solemne, no que non
faltou o son da gaita, así se desenvolveu a sesión plenaria
extraordinaria na que interviñeron o alcalde, Fernando Suárez, o
concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e o cronista oficial de Ribadeo,
Eduardo Gutiérrez.
O rexedor destacou “a paixón polo traballo, a honestidade e a
honradez na xestión da cousa pública e o orgullo de sentírmonos galegos e
ribadenses”, despois de lembrar como coñeceu a Eduardo Gutiérrez
Fernández e de aludir “á súa capacidade oratoria oculta, ás veces algo
mordaz, pero atinada; con aquela determinación por conseguir o mellor
para o seu pobo”.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura,
Farruco Graña, fixo no seu discurso unha semblanza de Eduardo Gutiérrez,
que remataba así: “….Para alén de súa traxectoria política, podemos
definir a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ como un ribadense que desde
sempre destacou polo seu intenso labor cultural. Ademais da súa
capacidade profesional, tamén moi vinculada a Ribadeo e á súa actividade
produtiva agro-gandeira, D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ desenvolveu un
traballo ensaístico máis que considerábel. Publicou tres ensaios: “A
lingua é o noso escudo” (1978), “Introdución ao «Sempre en Galiza»”
(1986), e “Alexandre Bóveda en «A Nosa Terra»” (1987); por este último
traballo recibiu o Premio de Ensaio da Asociación Cultural Alexandre
Bóveda, da Coruña, en 1987. Ademais disto, participou en publicacións
colectivas e encargouse da edición, limiar e notas da obra de Francisco
Lanza “Falan os de Ribadeo”, publicada por Edicións do Castro en 1974.
En Ribadeo somos coñecedores do seu “Do vello Ribadeo” editado pola A.C.
Francisco Lanza. Varias das revistas editadas pola Agrupación Cultural
Francisco Lanza, os Cadernos Ribadenses contan con colaboracións súas. A
través das páxinas dun número especial dedicado ao décimo aniversario
da Agrupación Cultural Francisco Lanza podemos comprobar a intensa
actividade desenvolvida en Ribadeo durante os anos do tardofranquismo e a
transición política. A intelectualidade galega do século XX ten
visitado Ribadeo e proxectado á súa vez a imaxe de Ribadeo cara ao
conxunto do país, grazas ao labor de persoas como D. Eduardo GUTIÉRREZ
FERNÁNDEZ. Tamén debemos dicir que as súas investigacións permitíronnos
recuperar e poñer de novo en valor para a nosa memoria colectiva
aspectos senlleiros da nosa historia: o mesmo nos achegan ata a Porta da
Vila e a Torre do Reloxo, como nos trasladan ata o aeródromo de
Vilaframil; lévannos polas rilleiras de arriba e de abaixo, lémbrannos a
puxanza das parroquias de Cedofeita, A Devesa ou Rinlo, ou nos brindan
anécdotas acerca do comportamento a seguir nas nosas praias en tempos
escuros. Lémbrannos as nosas corais de antano, ou repasamos con el
algunhas noticias do “Círculo de Recreo” de Ribadeo e a
“Filantrópica-Dramática”. En fin: conectou o noso pasado xa case
milenario da man de Francisco Lanza, co presente que lle tocou vivir ao
longo da segunda metade do século XX, proxectándoo cara ao futuro de
todos e todas nós.
Por todo iso, e pola súa moi acreditada valía
intelectual, consideramos a D. Eduardo GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ merecedor do
título honorífico de Cronista Oficial de Ribadeo”.
Eduardo Gutiérrez Fernández tomou a palabra para agradecerlle “ao
Sr.Alcalde e á Corporación pola distinción que me fan. Un agradecemento
no que debo subliñar o traballo do relator do expediente, o concelleiro
de Cultura, Sr.Graña“. Na súa intervención sinalou: “sei que
asumo unha importante responsabilidade, por tratarse do primeiro
cronista oficial de Ribadeo. De todos os que saiban e queiran,
requirirei a súa axuda e a todos ofrezo a miña, se de algo lles pode
servir …” . E rematou: “pensei demoradamente na frase final
deste parlamento, pero logo decidín optar por unha cita dunha das nosas
grandes figuras. Señoras e señores, compañeiros e amigos: que a fogueira
do espírito siga quentando as nosas vidas e que a fogueira do lume
nunca deixe de quentar os vosos fogares“.
Á conclusión da
sesión plenaria extraordinaria a Corporación Municipal pousou para a
foto a carón do cronista oficial de Ribadeo.
“