Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Dereitos vulnerables


Hai case un mes que saltou a nova de que a asociación Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) pediu á AEPD en 2015 que sancionaran ó Concello de Viveiro polas videocámaras instaladas. Ribadeo tivo algunha tentativa de instalar cámaras por iniciativa da entidade pública que é o concello, que non fructificou polo momento, segundo a prensa, por falta de orzamento. No blog teño falado varias veces do tema. Por exemplo, en febreiro (Fóra dos focos, con liberdade), en outubro (O gran irmán, cada vez máis cerca) ou hai un ano (Xa votaches, agora témosche vixiado). Fíxeno porque considero que é unha vixiancia que vai contra o cidadán, non ó seu favor. E non son o único que pensa así: ata a UE advirte do perigo.

Como segue o caso de Viveiro? Non hai novas dende hai un mes, mais as cámaras foron desactivadas despois da denuncia, e polo tanto, deben seguir desactivadas, aínda que estaban en funcionamento dende 2008, sen autorización. E sen inspección… despois de acudir ó Valedor e de denuncias anteriores. Con recoñecemento da propia Policía Local, en teoría encargada do manexo, de se se habían pedido os permisos obrigados ou as horas de gravación.

Seguimos con Viveiro… porque a pesar do manifesto descontrol sobre a vixiancia ós veciños, a asociación de comerciantes viveirense pretendeu instalar tamén cámaras. Xa se remitiu información a Madrid, á AEPD, e estaba avisada unha empresa para a adaptación dos sistema á protección de datos. Iso dicía a prensa hai un mes.

Mais ou menos daquela, a ACIA ribadense tamén declarou que manexaba a idea da instalación. Polo que parece é a moda: vixía. O obxectivo parece ser evitar roubos. Ou destrozos. Ou que todos nos comportemos de xeito educado. A realidade , á vista está, pode ser ben diferente, con literalmente calquera cuns certos coñecementos e ganas accedendo ós sistemas e ós datos xerados. En Ribadeo non se instalou ‘por falta de cartos’.  Como iso depende da asignación orzamentaria, con variar as partidas, solucionado. Así de doado pode ser que alguén se meta nas nosas vidas.

Vixiando a saída do edificio no que vivo hai cámaras, instaladas por unha empresa privada. Os veciños das 18 vivendas, vixiados nas nosas entradas e saídas. Sen pedilo, claro. Pode ser que tentaran atracar a oficina bancaria do baixo… ou que intentaramos facelo nós!. Polo momento, xa houbo roubos no edificio coas cámaras instaladas, e non serviron de nada. Houbo altercados na rúa, e que eu saiba, non se usaron. Pero seguen a controlar en imaxes as entradas e saídas. Suponse que os datos están controlados. Na época de internet, enviando imaxes por internet, cunha cadea de tratamento de imaxes na que interveñen terceiras persoas, controlados?

Estamos a perder a intimidade, e con ela a independencia. O das cámaras é un momento máis que non debemos pasar, para poder afrontar outras verquentes máis espiñosas, como que, ó ter o posicionamento activado, a compañía correspondente saiba onde estamos en cada momento. Neste caso, o ‘obxectivo’ e poder prestarun servizo máis axeitado. A cambio, calquera (aí están as contínuas excepcións de seguranza) pode acceder a onde estivo o teléfono (e o posuidor) en cada momento nos últimos meses… Algo que pode resultar alucinante visto de xeito gráfico , de consecuencias imprevisibles e que é cualificado como ‘doado de facer’ a outro móbil.

Temos dereitos, mais como non os defendamos, podemos falar xa, en pasado, porque sempre haberá xente que pense en conseguir máis a base diso precisamente: de que quedes ti con menos.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *