Todos lembramos, por aínda recente, os momentos nos que Santa Cruz ofrecía unha vista de máis de vinte grúas en funcionamento na zona de Ribadeo. Nalgún momento teño contado ata case trinta. Hoxe non é así, e a cousa redúcese a un par ou pouco máis. E houbo un desprazamento dos lugares afectados. Hoxe faise máis obra pequena que edificios novos, e restrutúranse comercios e zonas comerciais máis que realizarse obra nova. Haina, mais hai uns anos a obra da residencia habería quen non a consideraría por non ser edificios de vivendas, e a obra que está a comezar no que fora viveiro, que segue sendo ata o momento hiper chino e que será Mercadona, tampouco, por ser comercio. Mais é o que hai.
O cambio de fisiognomía de Ribadeo inclúe no centro do pobo un par de casas sen teito dende hai un mes, esperando a convertirse nun centro Dourado, promovido por Celso Dourado cunha idea de comercio cultural. E tamén inclúe couas menos visibles, como cambios de propiedade como o que hoxe airea a prensa: o centro comercial Eroski pasa a ser por completo titularidade de Vegalsa, que xa o compartía dende o seu inicio (e que segue a ser ó 50% propiedade de Eroski, segundo a súa web).
Os edificios, sen teito, parecen unha obra artístico-histórica |
Ribadeo seguirase a reconfigurar, aínda que polo momento esa verba aínda siga a chamar a atención co seu significado actual, que ofrece unha visión tan diferente e moito máis calma do que significaba hai dez anos.
Zona do hiper chino, onde se instalará o futuro Mercadona |