Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Pero aínda estamos así? A residencia está aquí porque a quixemos, a xente


Non é a primeira vez, nin a segunda, nin a terceira… que sae a removerse o tema da residencia cando remata de imputarse a alguén do PP, se descubre algún novo “pastel” ou cousa semellante… ou sinxelamente por saír nas novas, seguindo o adaxio de que o importante é que se fale sobre un, aínda que sexa mal, pois que coñezan a un da poder de difusión, atrae votos, etc. Esa é a teoría.

Unha nota de prensa, aparentemente con motivo  sobre a residencia, e unha contestación:

–A nota de prensa (do PP de Ribadeo):–

O PP pide a Suárez Barcia que “deixe de mentir e pregunta se o BNG
xa se está arrepentindo de votar en contra da moción popular para
garantir a xestión pública da futura residencia”

03-02-16

Ribado, 3 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal Popular
pediulle a Fernando Suárez Barcia que non minta en relación coa futura
residencia de Ribadeo e esixiulle ao nacionalista que deixe de empregar o
informe da secretaría municipal ao seu antollo, retorcendo o seu
contido e ocultando aquilo que non lle interesa.

Desde o PP lembran que o propio informe* dos servizos xurídicos do
Concello establece, sen lugar a dúbidas, que quen ten a capacidade para
determinar a futura xestión da residencia é o Pleno do Concello e
precisamente alí foi onde o propio alcalde e grupo ao que pertence, o
BNG, votou en contra dunha moción dos populares na que reclamaban que se
garanta a xestión pública e municipal do futuro centro, actitude da que
agora parecen empezar a arrepentirse.

Por outra banda, os edís do Partido Popular insisten en que o Alcalde
cada vez están máis “endiosado e lonxe da cidadanía” ata o punto de que
ninguén entende que o Concello renuncie a unha achega de 500.000 euros
por parte da Xunta por non queren enviar os dous informes técnicos que
se lle reclaman.

Os populares consideran que Suárez Barcia é “un vago enrocado” nunha
actitude de confrontación que prexudica aos intereses de Ribadeo, máxime
cando desde a Xunta manteñen a súa oferta de colaboración.

RESULTADOS ELECTORAIS

Finalmente, os populares afirman que se Suárez Barcia quere comparar
resultados electorais e a incidencia que sobre os mesmos ten a posición
de cada grupo municipal, non debera esquecer que mentres que o Partido
Popular gañou as últimas eleccións xerais en Ribadeo; o BNG, integrado
na candidatura Nós, levou un batacazo monumental, ata o punto de
converterse nunha forza case insignificante pese a ter a alcaldía e non
ser capaz de rendabilizala.

*Conclusión 4º do informe

No tocante ao Concello é competencia do Pleno determinar se o servizo se
presta e como se presta segundo recollen os artigos 22.2 f) da Lei
reguladora de bases de réxime local e o artigo 97 do Real decreto
lexislativo 781/1986, de 18 de abril, polo que se aproba o Texto
refundido das disposicións legais vixentes en materia de Réxime local.

–A contestación (de José Mª Rodríguez, comisión pro residencia):–

As burradas do PP de Ribadeo

 jose.maria.rodriguez

Aínda
que o refrán di “a palabras necias, oídos xordos”, despois de ler a
nota de prensa que o PP local de Ribadeo acaba de dar a prensa en data
de hoxe, atópome desconcertado. Desconcertado por que, a verdade, non
sei que pensar da estratexia política que o PP local ten montada contra o
goberno local de Ribadeo. Non sei se é que son tan, tan, tan burros, ou
se é tan, tan profunda e tan intensa a inquiña e a desgusto que collen
co tema da residencia, pra votar fora do concello ó actual alcalde e
coller eles o seu posto, que todo lles vale, as mentiras, os embustes,
os enganos, a difamación. Atópome desconcertado.

E pregúntome como son tan ilusos e ingenuos como para pra tentar
facerse co concello de Ribadeo utilizando esta velenosa estrategia de
enganar ós viciños, sobre todo nestes tempos nos que o seu partido, o PP
actual, está a piques de desaparecer en todo o territorio nacional por
estar totalmente mergullado na corrupción.

Non vou sequera pararme a comentar as burradas que din. E
pregúntome, porén, se con estes elementos pensa o PP reconquistar a
alcaldía de Ribadeo. Que deus lles conserve a ilusión. Só me queda o
consolo de saber que os veciños, por pouco que se esforcen, teñen o
suficiente coñecemento do que se está a falar e sentido común dabondo
para saber de que vai o PP de Ribadeo.

… E agora podes xulgar. Se queres repasar o tema, no blog hai unha xa longa historia da residencia de anciáns de Ribadeo


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *