Foto de Javier Gallego, outro dos participantes |
Onte tivo lugar a xuntanza convocada para retomar a funcionalidade da Plataforma para a Defensa da Ría de Ribadeo, co detonante da convocatoria doutra xuntanza para elexir representantes no Consello da Reserva da Biosfera.
O certo é que as 18 persoas que estabamos esperabamos ser menos, e iso representou un bo comezo. Quizáis dicir como resume, para quen queira facer unha letura rápida, que se quedou en postular a Evaristo Lombardero, o principal impulsor do encontro e mantedor da Plataforma, como representante por parte das asociacións ecoloxistas galegas.
Contando un pouco máis polo miúdo da xuntanza, Evaristo tomou a palabra para presentar a historia da Plataforma, coincidente na práctica coa historia da defensa do medio no entorno da ría: chegou tarde á escolleira que se fixo na ría (1991), detonante que fixo que o colectivo Espreita e outros do entorno se xuntaran ata que en 1994 formalizaron a situación como asociación, encadrando nos estatutos a visión cultural, veciñal e ecoloxista de defensa da ría. Como tal, xa se enfrentou ó polígono industrial que se pretendía instalar dende Pena Furada ata Rochas Brancas, contribuíndo a que se suspendese no 1995. Logo estivo activa no proxecto da autovía na zona, e con altibaixos e case suspensión estes últimos anos, tense enfrontado ó proxecto de macronave en Mirasol, ou, na actualidade, súmase á preocupación polo dragado promovido por Gondán (22 000 m3 en 4 anos, botando a area próxima á saída da ría) ou ás emisións e próximas obras de emisarios na parte asturiana, así como ven postulando dende hai tempo a necesidade dunha visión de conxunto para a ría, plasmando un plan de xestión, plan de ordenación de recursos naturais ou plan de protección (por certo, preceptivo dende que en 1989 a ría é zona ZEPA)
plano da autovía para a ría de Ribadeo e zona do pobo |
Entrando despois en cuestións máis prácticas, manifestouse o apoio da asociación do Galeón (cultural, que tamén aspira a que a súa presidenta, Ainhoa, teña un posto no Consello), tendo en conta que alí había representantes doutras asociacións, como O Tesón, estando interesada xente nova estudiosa da fauna, como Óscar Chao (páx. sobre aves e natureza en Ribadeo) ou Enrique Sampedro (que non puido asistir, blog ría de Ribadeo)
Fíxose un pouco de revisión de varias cousas, incluíndo a toma da ría polas lanchas e a suma da ilegalidad das velocidades que levan ó ateigamento que representan no verán, o estado das colonias de zostera (mariña e noltii), ou que os achádegos na ría rematan fóra por non dispoñer dun lugar adecuado no entorno a pesar de estar edificios como a fábrica de xeo, a aduana, a casa das algas ou o faro da illa Pancha nunha situación de aproveitamento mellorable. Houbo propostas de voluntariado para limpeza da costa ou de contactar con asociacións a nivel estatal ou internacional.
Pasouse logo de novo a informacións máis do momento, a lembranza da existencia dun Plan Director das zonas Natura en Galicia, ó non ser desenvolto os plans correspondentes a cada unha delas, o feito de que a primeira xuntanza interautonómica da reserva foi realizada entre políticos e técnicos da xestión ambiental, pero logo, nas sucesivas, só foron convocados e participaron representantes políticos, cun resultado de opacidade total, etc. En relación á xuntanza o próximo mércores 27 na Pontenova (e correlativamente, por Asturias, na Veiga), lembrouse que houbo unha xuntanza no concello o pasado 26 de decembro, que convocou a prevista.
Despois da designación de Evaristo Lombardero para tentar unha praza no Consello da reserva, e quedar en outra xuntanza despois da convocatoria da Reserva da Biosfera, colléronse os datos de contacto dos presentes para facilitar a labor e pouco a pouco retomar a actividade de defensa do noso entorno.
Testemuña gráfica da contaminación a ría (Castropol, 2009) despois de atravesala |
—
Sobre as zonas protexidas en Ribadeo