Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Triste marca


Oé, oé, oé… unha nova marca para Ribadeo! O pasado 21 de xaneiro, onte, foi o 21 de xaneiro máis cálido do século en Ribadeo!

Clebrámolo? Estamos orgullosos? Coido que non, que non é cousa do un nin do outro.

Onte, xa anoitecido, sorpendinme a min mesmo en camisa pola rúa. Cando me decatei, a sensación primeira foi agradable, como cando no verán sentes unha brisa suave e tépeda. De xeito inmediato, pensei en que era o 21 de xaneiro, e ó chegar á casa fixen a comprobación de temperaturas, que se confirmou esta mañá: o 21 de xaneiro de maior temperatura media do século en Ribadeo, e con diferenza do seguinte.

Podemos ir a Fitur a anunciar que temous clima ideal, Galicanarias, e podemos ver o dato como unha constatación máis de que a temperatura está aumentando; sabendo que mañá pode ser moito máis frío, pero que é abondo máis difícil que bata unha marca de frío que de que o faiga de novo cunha alta temperatura. Sinxelamente, o cambio climático faise cada vez máis patente. Non é que ‘os invernos xa non sexan invernos’, ou que ‘o tempo ande tolo’. É que agora os invernos son deste estilo e o tempo anda, dentro de certos límites, como lle obrigamos. É que temos un problema que ás veces nos resulta agradable, pero que non deixa de ser un problema polo cambio que supón. Cambio que inclúe cousas como a subida do nivel medio mar, e xera situacións como a que ocorreu o mes pasado: unha marea viva case se bota por riba de Mirasol, despois de terse remozado hai un par de anos para alisar a súa superficie, o que supuxo un lixeiro levantamento do nivel. Algo que podemos ver na Veiga cada vez con máis frecuencia, as inundacións da auga que sae polas alcantarillas e que vai coincidindo co bo tempo, evitando males maiores. Algo que implica non só altas temperaturas, senón tamén máis vento. En fin, un cambio que nos implica a nós máis como causa que como afectados, porque somos afectados na medida na que afecta a todo o planeta Terra, a nosa casa. Que parece que non vai connosco porque polo momento os efectos son pequenos por aquí, e mesmo agradables…

É o momento de lembrar dúas cousas. A primeira, a fábula da ra na auga quente. Se non a coñeces, un vídeo curto (medio minuto) pode amosarcha. A segunda, un dito para manexarse nun mundo do que cada un formamos parte ínfima e conectada de múltiples xeitos coas outras persoas aínda que boa parte do tempo esteñamos a mirarnos o embigo: pensa globalmente, actúa localmente.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *