Vaia por diante que penso que poñerlle un cualificativo á política é, sempre, rebaixar a propia idea sobre a súa función e a súa práctica. Mais ás veces pode resultar desa cualificación o resalte dalgunha característica desexable ou indesexable que presentan determinadas actuacións políticas nas circunstancias nas que se desenvolven.
Así pois, co título pretendo chamar a atención do que se entende como ‘política de partido’, seguir a ‘liña’ que marca a persoa ou órgano rector do partido sen desviarse unha vez marcada, ou mesmo, unha vez pedida opinión ou instrucións ós ‘líderes’ partidarios. E tamén do que se entende como estar atento ó mandato do pobo, ó seu querer.
En Ribadeo nos últimos anos tivemos unha experiencia que serve como ilustración gráfica da contraposición entre ambas interpretacións: o PP e a residencia.
A representación do PP no concello no mandato pasado optou de xeito maioritario pola unión na comisión municipal sobre a residencia, achegándose ó pobo e enfrontándose a Santiago, controlado polos seus ‘xefes de partido’. Coido que no blog e nas diversas novas pode seguirse o tema con precisión. Resumindo, e dado que foi o tema de máis calado e tempo adicado durante o mandato, o resultado de cara ás eleccións foi a renovación da candidatura e posta en cabeza de persoas alleas a esa idea de colaboración popular. O resultado, na táboa de embaixo: con diferenza, a menor recollida de votos do PP que se lembra, cunha caída de 1/3 en relación ás municipais anteriores.
A cousa ven a conto dunha entrevista aparecida onte a Manuel Valín na Voz de Galicia, titulada (para quen queira procurala e ler) “En Ribadeo hai moitos votantes do PP descontentos co partido polo asilo”. se se seguiu o tema, pode ser ilustrativo, e, se non, un tema de aprendizaxe política.