Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Milagre! (un ano máis)


Nalgúns lugares danse milagres anuais. Algúns son do tipo de choros de imaxes de santos ou de licuación de sangue a día fixo. Noutros, como en Ribadeo, son máis humanos. En Ribadeo trátase da conversión periódica de alcaldes en fieis cristiáns representando unha comunidade de fieis cristiáns dun estado confesional en determinados actos relixiosos.

O certo é que aínda teño visto o tema tratado a modo de comentario, non teño ollado nada escrito para estudar o triple milagre. E é que polo menos trátase dun triple milagre, repetido ano tras ano.

En primeiro lugar (poderiamos comezar en orde inversa), un estado aconfesional constitucionalmente vólvese confesional institucionalmente, e polo tanto, desenvolve unha ligazón que implica representación nun acto relixioso.

En segundo lugar, un pobo de gran maioría de bautizados pero pequena minoría de practicantes pasa a ter unha representación practicante e mesmo mirala pasar en cabeza do pobo cristián.

En terceiro lugar, xente non practicante, agnóstica ou atea pasa a practicar unha relixión e dar exemplo de práctica.

Claro que o feito de ser ‘como o Guadiana’ aumentaría un novo milagre ó menos, o de facer a conversión inversa ó remate da procesión.

Un fenómeno a estudar, do que non cabe comentar nada sobre se ese fenómeno periódico fai mellores persoas, representantes ou institucións.

Mentres, bo día da patroa, que moito poder debe ter para efectuar tales milagres.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *