Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Xordeira


Creo que as institucións -a grandes rasgos- son entidades que serven para administrar a sociedade. Como calquera outra cousa, para funcionar necesitan interacción: recibir información, procesala, actuar…

En España, caso coñecido por estar nela, as institucións preséntanse moitas veces como autistas, pero diría que máis aínda como xordas: teñen dificultades co tratamento da realidade, pero máis veces aínda pechan os ollos e tapan as orellas para soñar cunha realidade, en relación á que actúan.

Ben, certo, en xeral, as institucións non teñen directamente ollos e orellas, e mesmo pode resultar que os ollos e as orellas dos representantes institucionais esteñan ben abertos e atentos, sen invalidar o dito antes. Algo así coido que pasa en Ribadeo, no noso concello: do alcalde embaixo, se logras falar de xeito individual con alguén, en xeral notarás amabilidade, adicación de tempo, receptividade de información… Quedaron polo camiño varias constricións: falar, individual, información… Porque en canto se pase ó escrito colectivo, ou dirixido á institución, xa non sabes se se recibiu ou non, intúes que a información chegou, que o mecanismo de transmisión ‘cara enriba’ funciona, pero non tes a seguridade, porque o retorno é nulo. Fai a proba se non o comprobaches, e verás da xordeira da administración, non só para cousas de ruído, senón para cousas de papeleo.

Exemplos desa xordeira, no pasado e na actualidade, pódense dar en cantidades medible ó peso do papel que serve de testemuña. A miña experiencia, e outras que recollo, apunta a que só unha mínima parte dos escritos que se reciben no concello son contestados, incluíndo neles os solicitados por orde xudicial.

Din que para mostra abonda un botón, vaian varios destes últimos tempos, remitidos pola AVV O Tesón, escritos que non esgotan nin moito menos, os exemplos que se poderían dar deste período:

“(…)

Expón

Que a AVV O Tesón ten ingresado no concello diversos escritos
solicitando información diversa,

Que, a día de hoxe, o concello hai moito tempo que non ten
contestado ningún escrito da asociación,

Que temos noticia de que a persoas individuais lles ocorre o mesmo,

Polo que solicitamos que o Concello responda xa ás nosas
solicitudes, conforme coa transparencia debida.”

(agosto de 2014)

“(…)

Expón

Que ven sucedendo con demasiada frecuencia que a auga para beber
cheire, o que leva á inquedanza ós nosos asociados e veciños en
xeral.

Que dende hai longo tempo hai novas que achacan a contaminación da
auga a efluvios do CAVI da Coop. Irmandiños, centro que se ben está
situado en Barreiros depende dunha sociedade domiciliada en Ribadeo,

Que se teñen novas confusas sobre actuación dunhas ou outras forzas
policiais ou inspectoras en relación á investigación da causa de
contaminación,

Que aínda esta mesma semana xurdiu a alarma con dous bandos
sucesivos da alcaldía alertando contra beber auga en determinadas
zonas e logo, sen dar tempo nin que as tuberías se baleirasen,
derogando a alerta,

Que parece evitarse toda mención a responsables concretos, aínda
sabendo onde se produce o verquido,

Que o anterior motivou que dito tema fora tratado na directiva da
asociación, mantida hoxe mesmo, que decidiu realizar este escrito
que aoga se presenta,

Polo que solicitamos

A comunicación das medidas tomadas polo concello para un control
independente da calidade da auga, e

Coñecer as iniciativas que ten tomado o concello para actuar contra
a contaminación e os responsables da mesma,

ó tempo ó que instamos a unha actuación decidida do concello que
nos representa.”

(febreiro de 2015)

“(…)

Como tratar a xordeira? Pois non sei moi ben, pero estou seguro de que calquera método terá unha característica: implicará a actividade da xente.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *