Collido de http://cargadoiro.blogcindario.com/2015/07/00428-a-soldada-dos-alcaldes.html:
Non son afastados os tempos nos que os alcaldes – a economía
expresiva inclúe o correspondente feminino deste masculino gramatical –
exercían o seu cargo sen remuneración económica ningunha. Tempos, nos
que a xestión da res pública municipal carecía da complexidade e das
dificultades que hoxe lle son inherentes. Tempos, nos que a actividade
dos concellos se reducía a dar resposta e solución tan só os problemas
básicos xerados pola vida en común dos veciños. Tarefas que, pola súa
propia natureza e dificultade, o seu tratamento excedía a posibilidade e
a capacidade individual dos veciños. Servizos, coma recollida do lixo, a
distribución da auga, a iluminación pública, a limpeza dos espazos
urbanos, a construción e arranxo das rúas e vías, etc. etc.
Coa chegada da democracia – esa tan cacarexada e meirande
mentira do Réxime – chegou a complexidade da xestión municipal.
Comezaron as transferencias dos diversos servizos, sobre todo sociais, e
tamén as dificultades xeradas polas demandas derivadas do desenrolo
económico, e con el as imposicións do progreso da sociedade, cuns
maiores niveis de esixencia por parte dos mesmos administrados, sen
esquecer a ambición desmedida de certos alcaldes empeñados en ofrecer ós
seus cidadáns, servizos alleos á función e competencia dos concellos,
con fins puramente electorais. E foi así como certos alcaldes, “a
legibus solutis” e apoiados nas maiorías plenarias de que gozaban nas
súas corporacións locais, fóronse asignando, paseniño, o seu soldo, ata
acabar sendo aceptado como normal pola maioría dos cidadáns. E o que
empezou sendo obxecto de crítica para moitos, é hoxe unha realidade
aceptada pola maioría como algo normal e ata xusto, pois, como di a
Biblia e parece razoable pensar, ‘dignus est operarius mercede sua’, é
dicir, o obreiro é merecente do seu salario.
Pro, co paso do tempo e a falta de normas reguladoras do teito
salarial, a arbitrariedade e a cobiza dalgúns alcaldes chegou a superar
esaxeradamente os límites da ética e do que se entende por salario
xusto. E foi así como algúns fixáronse un salario ó seu gusto e
capricho, excedendo non poucas veces os límites do razoable e sensato,
como aconsella Cervantes no Quixote cando afirma que “el abad de lo que
canta, yanta”.
Pro pasou que os excesos cometidos pola avaricia de algúns
alcaldes levantaron acerbas críticas na opinión pública. Ata tal punto
que o goberno se viu forzado a lexislar sobre esta cuestión. Pro, tan a
desgana o fixo, que deixou á decisión arbitraria dos alcaldes a elección
do seu salario dentro dos límites dunha dilatada escala entre uns
xenerosos mínimos e máximos, segundo ó número de veciños de cada
concello.
Esta norma reguladora do salario dos alcaldes, xurdida dun
sistema escasamente democrático e dabondo corrupto, acadou mitigar
dalgún xeito os excesos salariais en que moitos caían. Pro foron, sobre
todo, os novos aires reivindicativos que corren ó longo do noso país e a
nova sensibilidade xerada pola crise económica na sociedade a que fixo o
milagre de espertar as conciencias a sensibilidade de moitos dos
alcaldes elixidos nas derradeiras eleccións locais. Pois, tanto nas
grandes cidades coma nos medianos e pequenos concellos, os novos
alcaldes, sensibles ós impactos negativos ocasionados pola crise na gran
maioría da poboación, ativéronse en moitos casos a unha aplicación
restritiva da escala salarial fixada polo Goberno. Exemplos temos,
tamén, de alcaldes repetidores que, de acordo coa realidade económica e
social do seu entorno, optaron por conxelar e mesmo diminuír de xeito
significativo as súas retribucións.
Non faltan, con todo, certos alcaldes repetidores que, fronte a esta realidade e aínda dentro da legalidade vixente, pro sen razón
aparente que o xustifique, pois o traballo esixido polo concello non é
hoxe distinto do que era no seu mandato anterior, optaron por subirse de
forma escandalosa, non só as súas retribucións, senón ademais, o número
de dedicacións exclusivas no concello, e mesmo as dietas, o
quilometraxe, etc.
E isto, non sen escándalo por parte de moitos, pois, mentres a
sociedade se empobrece e se afunde cada día máis na miseria económica,
cos veciños vivindo nas súas carnes a amarga experiencia do paro e da
depresión económica e os pensionistas axustando os seus gastos pra
acadar coas súas pequenas pensións o remate do mes, hai alcaldes que se
soben impunemente o seu soldo en porcentaxes inxustificadas e abusivas,
provocando o asombro e o escándalo dos exhaustos contribuíntes. E todo
isto, sen dar sequera ningunha explicación motivada que fixese que esta
subida salarial, caso de estar suficientemente xustificada, como podía
ser o caso dalgúns, fose entendida e aceptada polos contribuíntes.
Si, xa se sabe que o salario elixido por eses alcaldes se
axusta á lei. Faltaba mais! Ninguén os vai acusar de ter infrinxido a
lei. Pro si da súa falta de solidariedade social nestes momentos de
depresión, co engadido da oportunidade e da exemplaridade esixida ós que
se adican á xestión pública.