Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

O meu pai


De http://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.12438.php por Xulio Xiz

Antoñito do Constante

mércores, 28 de xaneiro de 2015

Este amigo que xa descansa no
cemiterio vilalbés chamábase Antonio Gregorio, pero como seu pai
-Constante Gregorio- foi coñecido e estimado tratante en gando e
carniceiro na capital vilalbesa, e Antonio ao terse
incorporado a ese labor desde moi novo, os vilalbeses asignámoslle o
nome de “Antoñito do Constante”, e ese nome acompañouno ata as esquelas
mortuorias.

Era un home xeneroso, bo, afable, culto, lector, amigo… Eu nacín sendo
amigo del, porque miña nai procedía da mesma aldea –O Freixo, de As
Pontes de García Rodríguez- e para min o “Señor Constante” era un santo
varón que camiñaba polas rúas vilalbesas e percorría a zona rural nun
permanente saudar, camiñar entre amigos, falar e escoitar, sempre cun
sorriso que falaba máis que calquera exposición verbal, sempre co
respecto escrupuloso polos tratos e polas xentes.

E a continuación, veu “Antoñito”, que por idade daquela respondía ao diminutivo… e conservouno ata os oitenta e seis anos.

Nos meus tempos máis mozos, a casa do Constante era a única do contorno
que tiña teléfono, e alí acudíamos para as urxencias. E na miña
infancia eu alucinaba, porque Antoñito tiña un despacho cheo de libros,
un ben escaso daquela, o que facía que aos meus ollos “Antoñito do
Constante” fose unha persoa diferente, nun mundo daquela xeralmente
iletrado, que disfrutaba dunha cultura que cultivaba a cotío.

Eu deixei Vilalba hai cincuenta anos. Daquela, para min, Antoñito tiña a
vetusta idade de trinta e seis. E seguimos véndonos de cando en cando,
sabendo un doutro, incorporando a aquela vella amizade á súa dona,
Mercedes, á que fóra conquistar a Rábade, e entrambos formaron a parella
perfecta cara adentro e cara afora… porque a afabilidade multiplicouse
por dous.

E viñeron os fillos, dos que teño que mencionar, por anos –aínda que é
ben máis novo ca min- ao Tucho, Antonio Gregorio, que en Ribadeo asentou
profesionalmente como profesor e activista social, e netos dos que teño
que mencionar unha neta que hai ben anos xa gañou un premio de debuxo
no Certame da Biblioteca de Lugo, do que eu son Xurado desde hai un
cuarto de século.

A última vez que vin a Antoñito do Constante foi o pasado agosto, na
homenaxe a Domingo Goás que a Xuntanza de Chairegos en Madrid lle rendeu
en Vilalba. Con el e con José Ramón Álvarez Graña (José Ramón do
Acisclo), falamos todo o tempo de Vilalba, das xentes, dos tempos… Non
podía imaginar que ía ser a última vez que falásemos.

Un traidor inimigo atacouno sen piedade hai moi pouco tempo, e
levóunolo, dándonos a ocasión de comprobar na igrexa e no cemiterio
canta xente quería darlle o último adeus.

Máis non quero esquecer o que miña nai me ten contado de Antoñito, un
defecto, que repetía sempre que falaba del: O que lle pasa a Antoñito,
dicía, é que é demasiado bó. E así leva os tropezóns que leva ás veces
por confiar en xente que non merece confianza.

O pasamento de “Antoñito do Constante” foi, para min, unha perda
familiar. E como o que me afecta tan directamente procuro deixalo por
escrito, a xeito de testamento vital, deixo anotado en negro este quince
de xaneiro, día da súa morte, no calendario que rexe as miñas emocións e
os meus sentimentos. Que a paz que sempre impartíu, repartíu, o
acompañe sempre.

 

 

Antonio Gregorio Carballés, Q.E.P.D.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *