Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

De paseo por Ribadeo


Estes días Ribadeo estase amosando diferente. Un paseo fóra das zonas onde se concentra a xente ven sempre ben, pero máis aínda en xornadas como a de onte. Onte, nunha saída en coche, atopei tres rúas cortadas para voltar á casa, as que me fixeron alongar a volta.Obras diversas que en principio deberan animar, porque é de supoñer que redunden nunha mellora do pobo, no momento fan a un preguntarse (como vin nas redes sociais) se non sería cousas de aprender a moverse en helicóptero. A conto do tema, coido que ás veces, a propaganda do concello está desenfocada: non se trataría tanto de saír na foto ‘cortando cintas’ como especificar paseniñamente que se fai, por que se fai e como se fan as cousas (ó nn ter participado a xente previamente na definición das ‘cousas’ a facer), para que a xente, nós, xuntara as molestias coas melloras, e tivera máis claro o por que das molestias actuais en aras das melloras futuras.

Outra cousa observada nese paseo é a da posta dos nomes das rúas con placas de Sargadelos, como a que aparece na imaxe, colgada na nota de prensa do concello na súa web.

Di que son 50 placas da zona vella, todas levando algo máis que o mero nome actual da rúa, como se pode ver na imaxe, cunha descrición da persoa a quen se lle adica, ou noutros casos, con outras posibilidades, como o nome antigo da rúa. Coido que non queda nada mal, aínda que, ó meu entender, o anuncio das placas en parte como axuda a Sargadelos me fixo pensar no prezo no que sairían. Supoño que en próximo pleno o tema do custe das cincuenta placas sairá a relocer.

Onte tamén se viu embaixo outro pouco do cantil da Atalaia. Certamente, o búnker do ascensor sei indemne diso e de abondo máis que lle boten. Puido desestabilizar no seu momento o penedo, pero agora mesmo máis ben estabilizará o que queda del. Outra cousa é que unhas obras nunha casa, con martillo neumático segundo o xornal, fixeran posible vibracións que desestabilizaran a baixada. A zona renegrida do centro da foto foi a que se desestabilizou e caeu sobre a beira do paseo marítimo e do ascensor.

Paseando polo paseo marítimo pódese facer unha comparación entre a zona caída hai poucos anos, ó norte do ascensor, ‘decorada’ cunha verxa que protexe e evita ós turistas achegarse á zona de perigo, e a nova zona derruída. Como casualidade, onte mesmo reaparecía nunha rede social posta por A World to Travel a seguinte foto, onde se pode ver, á beira do ascensor, o vello deslizamento da Atalaia.:

— Posterior: aproximación á imaxe do rueiro ribadense


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *