Falando do tempo, acepto apostas. Hoxe leva caída moita auga, pero que en menos de 24 horas (son agora as 12 da mañá, hora legal) leven caido máis de 60 L/m2 é moito para un día, pero non aporta moito a un ano que polo momento, en canto a choiva, é medio. Fariña doutro costal é a temperatura. Falta 1/10 de ano por pasar, e acepto apostas a que o presente será para Ribadeo o ano de maior temperatura media no que vaia de século ó seu remate. Xa puxen outros días atrás gráficas que indicaban que este é un ano quente. Agora non poñerei máis ata fin de ano: se alguén quere apostar….
As gráficas a continuación amosan que a diferencia de temperatura media no que vai de ano pasa en máis de 0,25ºC ó do ano seguinte na clasificación (gráfica e táboa correspondente ó día 326, onte), e noutra entrada anterior xa quedou claro que este ano tamén está no alto da clasificación nos días con temperaturas por riba dos 25ºC. Ou sexa, este ano a temperie está fóra de control, ou mellor, en liña co cambio climático.